Del Galicia al Arqueolóxico

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

31 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os políticos no poder son o plano a escala dos Reis Magos. Cos nosos cartos mercan ilusións, votos, vontades e o que veña a conto. Hai xa anos que seica partiu un mar de ferranchos chamado Prestige que inzou de chapapote a costa galega. O Goberno central tentou acalar daquela a carraxe que chegou mesturada co piche e tirou do peto, por arte de maxia, o famoso Plan Galicia. Prometeron montóns de millóns en investimentos e proxectos que ían dende un parador na Costa da Morte, que aínda hoxe non existe como tal e seica sigue en obras, a media ducia de parques empresariais na provincia de Ourense para dinamizar o rural. Dos tales só existe un, que pagou a Deputación e para o que nada deu o Goberno central. O mesmo que veu convencernos da maxia do Plan Galicia foi nesta semana facer o propio a Cataluña. Non lle chamou o Plan Cataluña mais a representación foi a mesma: o Galicia era para acalar as críticas do Prestige e os 4.200 millóns de euros teñen como obxectivo desarmar aos cataláns que son críticos coa relación co Goberno central. E aínda non rematou o programa de actos do festival dos millóns cando xa se está a argallar o que nos vai corresponder, ou non, nos futuros orzamentos do Estado. E o espectáculo seguirá a ser o mesmo ao que estamos acostumados: a comunidade e a provincia son terra conquistada, con bos e fieis compañeiros de partido e para nada polémicos, daquela seguiremos agardando polo AVE, polo Arqueolóxico e por todas esas cousas que non chegan porque non hai peso específico para esixir o que necesitamos. E así nos vai.