Xa non tocan as campás cando hai lume. Xa nas aldeas non hai esa forma de aviso cando hai unha alerta. Ou tal vez si, pero xa non se usa moito. Agora as alertas veñen polos móbiles, polas redes sociais... Ou polos berros. Iso pouco máis ten. Sexa como sexa, o que conta é que seguimos igual. Que cada ano arde, e desta volta moito máis. A teoría das convocatorias electorais está sempre aí (e este verán estamos en precampaña, aínda que ultimamente parece que non saímos dese estado). Onte houbo quen saíu da casa obrigado polas circunstancias. O lume estaba demasiado preto da vivenda e había perigo. Tocaba evacuar. ¡Que imaxe tan dantesca! Cantas caras de desesperación desa xente que de repente deixa a súa casa sen saber que cando volva vai estar intacta. Que non sabe se cando regrese vai ter os seus recordos. Que non sabe se cando volva estará o xoguete que lle regalou o avó, ou aquela xoia que herdou da avoa, ou as fotos daquelas vacacións, ou os debuxos dos cativos decorando a neveira... Esas pequenas cousas que nos definen e contan a nosa historia. E todo porque a un enfermo se lle dá por prender un chisqueiro e facer que chegue o caos. Non foi onte día de tanto calor. E non hai tantos incendios espontáneos. ¡Que va! O que hai é un fato de irresponsables que cada verán xogan coas pertenzas de moita xente, co medio ambiente de todos, e coa vida dalgúns, sobre todo deses que traballan arreo nas labores de extinción. Porque os lumes non nacen sós. Non. Por iso aparecen os artefactos incendiarios. A xente que ten malas ideas, se empregara tanto exercitar os miolos en facer o ben... noutro mundo viviríamos. Todos.