Crear o que xa tiñamos

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

26 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

ode ser que a proximidade das eleccións xerais e autonómicas, a necesidade de dotar de contidos ás novas consellerías creadas na remodelación do goberno galego ou a nugalla -sempre hai quen aproveita para «reciclar» en lugar de esforzarse en desquitar o soldo- lle xogaran unha mala pasada á Xunta e estean detrás da nova iniciativa estrela para os espazos naturais galegos. A consellería que dirixe Beatriz Mato presentou a pasada semana o seu novo proxecto de creación da rede de parques naturais de Galicia e mesmo hai un par de días que a responsábel de Medio Ambiente se achegou ao Invernadeiro para celebrar cos escolares ourensáns o Día Internacional dos Parques Naturais. Propostas que para esta provincia son toda unha boa nova, xa que Ourense conta con tres dos seis parque naturais existentes na comunidade autónoma galega. Deixando acreditada a importancia que para os ourensáns poden ter estas iniciativas, non estaría por demais lembrar que a Rede de Parques Naturais de Galicia, ou como sexa o nome oficial, xa existía. Fora creada na época do goberno bipartito e ofrecía unha ampla oferta de actividades: dende visitas para escolares á posibilidade de acudir a estes parques -no caso ourensán- en épocas como a «berrea», entre outras iniciativas e propostas que se podían solicitar nas delegacións ou a través de Internet.

Aproveitando este novo escenario do redescubremento de antigas propostas ao mellor era boa cousa que alguén se decidise a rematar o galpón do Centro de Interpretación dos Parques Naturais.