¡Grazas, amigo Pastor!

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

Voltaremos a Amarante, estaremos de novo en Pitões, na raia toda, no Ribeiro, na Ribeira Sacra... e sempre nos lembraremos de Pastor, da súa conversa engaiolante, do seu inmenso corazón, desa forma de contar as historias que o transformaba todo nun acontecemento, nunha desas vivencias que gardas nos andeis das lembranzas que protexes coma un tesouro. Home dunha sensibilidade especial, un cabaleiro, Pastor Fábrega estivo en moitas das iniciativas e proxectos que marcaron a historia da cidade e da provincia: das xeiras pola montaña e o esquí á fotografía ou á viticultura. E mantivo viva a memoria dos seus, e dos que coma eles foron mancados ou eliminados pola súa ideoloxía e pola defensa da liberdade, dende unha posición valente e honorábel. Sen desquite, mais sen esquecer que dende a Asociación de Amigos da República se estaba a reivindicar a lexitimidade democrática e a moitas persoas e familias que foron represaliadas, torturadas ou asasinadas. E nunca por iso deixou de poñer a educación e as boas maneiras por riba das circunstancias. Disposto sempre que se lle pedía axuda, compartía cos amigos eses pequenos segredos que vas apañando no día a día, coa ledicia de axudar e manter viva a amizade.

Hai uns días, o domingo, lembreime del. Vin o seu nome no Gaiás e daquela estiven certo que era a persoa coa que debería falar para pedirlle información sobre José Suárez. Xa sei que nestas datas non vai poder ser, mais á volta falámolo amigo Pastor.