«O xadrez é cuestión de equilibrio»

Maite Rodríguez Vázquez
maite Rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

O Grande Mestre ourensán terá importantes retos nos primeiros meses do ano 2012.
O Grande Mestre ourensán terá importantes retos nos primeiros meses do ano 2012. iván salgado< / span>

Iván Salgado atópase nun momento crucial da súa carreira e tenta dar o salto a elite mundial

02 ene 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

Nunha das súas escasas visitas ao seu Ourense natal, o xadrecista Iván Salgado ven de disfrutar da súa familia e da tranquilidade da cidade. Instalado en Madrid, onde ten máis facilidades para adestrar e viaxar, o Grande Mestre de xadrez máis precoz da historia de Galicia -acadou a norma definitiva con só 16 anos- prepara unha nova temporada competitiva na que destacan dúas citas: o Open Aeroflot de Moscú e o Campionato de Europa individual.

Salgado ?que ven dun ano non moi bo en resultados- asume que está nun momento decisivo da súa carreira, no que tentará achegarse á elite mundial a base de investir en traballo e horas de adestramento. A pesares do tempo que lle adica ao xadrez, non deixou a súa afección polo fútbol sala e xoga nun equipo en Madrid. Tamén estuda Psicoloxía, na UNED, e nun futuro quere adicarse á psicoloxía deportiva.

-¿Como atopa Ourense, agora que está instalado en Madrid?

-Veño cada catro ou cinco meses para visitar á miña familia. É un sacrificio estar fora, pero tamén me gusta estar independente. Vivo en Madrid porque viaxo ao estranxeiro sete ou oito veces por ano e tamén poque se queres adestrar é máis cómodo en Madrid. Terei un adestrador, Elizbar Ubilava, un grande mestre que é un dos mellores do mundo, pero tamén traballo con outras persoas. É bo variar.

-¿Considérase xa un xogador maduro, con 20 anos?

-No 2009-10 xoguei torneos bos, pero non do nivel deste ano. Subin ata un punto pero este ano xoguei contra xogadores de nivel moi forte e perdín moitas partidas porque é un nivel que esixe moita máis intensidade e concentración e cometín erros sobre todo psicolóxicos. Pero agora xa teño xogadas e estudadas vinte ou trinta partidas contra xente forte coma Sergei Kardakin ou Mamedyarov ou Movsesian, xogadores do top 30.

-¿Hai algunha característica que o defina como xogador?

-Son bastante versátil e universal. Quizáis polo meu carácter teño un xogo máis dinámico, non frío como os da ex URSS, que son máis posicionais.

-Con 16 anos foi o grande mestre máis xoven de Galicia e un dos máis novos de España. Agora o número un mundial, o noruego Magnus Carlsen ten 21 anos. ¿É frecuente esta precocidade?

-Para min, Carlsen é un fora de serie. Estudo as súas partidas, nunca fai erros, ten unha comprensión incrible do xogo. Algúns dos xogadores de antes, Anand, Kaspárov, talvez, pero os demáis non chegaron á comprensión que ten este rapaz. O seu pai dirixiuno moi ben, deixou a escola con trece anos, tiña un bo patrocinador que lle permitiu traballar con Kaspárov e viaxou a moitos torneos. Tomou as decisións correctas.

-¿Vostede tamén as tomou?

-Ata os 15 ou 16 anos, ata que conseguín ser Grande Mestre, foi todo ben. Pero logo veu o problema dos estudos. Nesa idade do Bacharelato e a Universidade, a carreira ralentizouse. Desde arriba debían pensar en como facilitarlle os estudos aos deportistas. A min quitoume moita enerxía. Para min, a Universidade está sobrevalorada.

-Entón quere tentar adicarse profesionalmente a este deporte.

-Teño claro que o quero tentar. Non quero deixar pasar a oportunidade. Para vivir do xadrez hai que estar entre os 50 mellores do mundo. Eu son o 170 ou algo polo estilo. Hai dúas opcións, ou traballar e investir en mellorar ou xogar torneos de segunda fila para gañar diñeiro. Eu fago a primeira opción porque teño bolsas que mo permiten.

-¿Non teme os sacrifizos que pode supoñer?

-O xadrez, como todo, é unha cuestión de equilibrio, só así podes dar o mellor. A veces non é fácil, pero cando estou tranquilo xogo mellor.

-¿Que balance fai do 2011?

-Os primeiros meses do 2011 foi ben. No Aeroflot ata puiden ser líder. Ata xullo, o meu xadrez foi mediocre. Non entendia o que pasaba. Logo pasei a facer un bo xadrez, só que pequenos detalles minaron os meus resultados. Agora estou xogando mellor.

-¿A onde espera chegar a medio prazo?

-A xogar os mellores torneos. Aí non se nota tanto a crise. Gústame o ambiente de competición forte. Gustaríame que me invitaran a Linares. O importante é facelo ben cando xogue un torneo bo. Se o nivel é alto estou a gusto. Se é baixo, sinto a presión de ter que gañar.

-¿É implacable cos rivais?

-Hai rivais que me temen cando a posición se complica de tal maneira que non sabes que vai pasar. Podo concentrarme moi ben. Pero agora teño que subir de nivel en cada faceta do xogo.

«Teño que subir de nivel en cada faceta, xogar poucos torneos

e facelo ben»

iván salgado lópez gran maestro de ajedrez

«Gustaríame xogar con Carlsen unha semana. A súa concepción é incrible»