Sempre din que din a verdade, e todos sabemos que menten. É a súa verdade, froito sen dúbida da súa peculiar composición de lugar, o seu relato, a súa realidade. Semella que é unha percepción fiel máis sempre baixo o efecto estupefaciente desta patoloxía da conduta. É difícil ser inmune, botarse fora deste enramado sistema sen cifras de paro nin crise. É difícil non inocularse co virus da ambición sen límite, o derradeiro refuxio do fracaso. Como sempre o doado é caer, deixarse levar polo presidente e caer, e caer, sen fondo. Basta cunha inocente primeira vez e xa ficar escravo para sempre. Todos temos un prezo, cavilan. Unha obra de 50 mil que se fai por 20 mil. Un servizo en exclusiva a cambio dun pequeno porcentaxe no custe do mesmo. Tres mil euros no maleteiro do Audi. Ex altos cargos do partido censados como okupas ilegais. A cea no Xinzo das 800 persoas e os 20 mil euros. A renovación de contratos pola clásica acumulación de tarefas en fraude de lei, contra todo criterio da maxistratura sen concurso de méritos nin listas de contratación. Un posto seguro para a dona do señor concelleiro. Unha lúa de mel en Las Vegas sen saír de Xinzo e sen pisar o Instituto do Campo. Un chollo fora da barra na vangardista canceira municipal da Lomba para ó primo do alcalde. A contratación ilimitada de interventores e apoderados. Un plan sectorial de vivenda no Bouzo para a construtora do socio. A tallada nos 145 millóns de euros dunha incineradora que non queren nin os seus. Adiccións exclusivas como pago de favores electorais. Deputación e INORDE como plataforma do subsidio de vellas concelleiras. A planta de refugallos de Morgade aínda sen licencias. O millón e medio de euros doado por Aquagest para crear a taxa de auga máis cara da Galiza. As beirarrúas de Laroá sen custes nin data. Cicat 1,2 e 3. Vidreira del Atlántico. Feldespatos Sarreaus. A información solicitada en pleno que non aparece. Todos son síntomas dunha ineficaz desintoxicación destes adictos á corrupción.