«As deputacións non son necesarias»

La Voz

OURENSE

«Sería interesante que o presidente da Xunta convocara a conferencia de alcaldes para propor a cada cidade o seu rol dentro de Galicia», asevera

21 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Coautor da primeira Lei do Solo de Galicia, Estévez maniféstase partidario de racionalizar a Administración e de buscar pactos en ordenación do territorio.

-En Italia preparan pola crise unha redución do número de concellos e de provincias. ¿Debería ir Galicia tamén por aí?

-¡Pero canto tempo levamos dicindo isto! Isto aparece agora por desesperación, pero levámolo pensando, escribindo e falando dende hai 15 anos... ¡Claro que en Galicia podemos agrupar concellos!

-¿E cantos hai que suprimir dos 315 que hai actualmente?

-¿Unha cifra exacta? Nin idea. Pero si é certo que se poden agrupar. E unha forma de facelo é coas áreas metropolitanas, que poden servir para que uns concellos se poñan de acordo cos do seu carón para facer políticas comúns, pero tamén para facer agrupacións de concellos, no futuro, cunha nova representación política, cun goberno metropolitano elixido polos votantes. ¿Aproveitamos esta conxuntura para que unha cidade galega de 250.000 habitantes poida ter entidade metropolitana, incrementando o seu hínterland e buscando sistemas de representación distintos? ¿É unha boa oportunidade para empezar a pensar en facelo?

-¿Hai que ensaiar con Vigo?

-Pode que si, pero se a metrópole nace baseándose na cooperación. Se montamos outra estrutura política diferente para enfrontarnos, mellor deixalo todo como está.

-A Pérez Rubalcaba, di el, sóbranlle as deputacións...

-A min tamén. Non mañá nin dentro de cinco anos, pero si. Cunha visión dunha autonomía potente e de concellos con entidade e áreas fortes, non serían precisos os organismos provinciais.

-¿Como está a crecer Galicia: ordenadamente, sen rumbo..?

-Hai que valorar esforzos como os iniciados polo bipartito e culminados pola actual Xunta coas directrices do territorio, cun plan do litoral cunha reserva de máis de 215.000 hectáreas ordenadas... Estamos marcando as bases dun país que pode crecer ordenadamente, só que polo medio van aparecendo modificacións lexislativas...

-¿Falta consenso de partidos neste ámbito da ordenación do territorio?

-Hai excesivos cambios de norma, difíciles tanto de entender como de explicar. O territorio ten tres ou catro cousas nas que todos deberiamos buscar os puntos de consenso: os avances do planeamento, a lexislación, os grandes documentos de ordenación... Esa será a única forma de chegar a un texto lexislativo duradeiro, que sobreviva ás alternancias no poder.

-Para un firme defensor da necesaria cooperación entre cidades non resultará moi reconfortante ver que os alcaldes galegos non son quen sequera de chegar a acordos para a captación de rutas aéreas...

-As cidades teñen que competir, pero tamén cooperar. Deben acordar de que maneira cooperan e en que compiten.

-¿E ve vontade para afrontar iso en Galicia?

-Sería interesante que o presidente da Xunta convocara ao que eu chamei nun artigo hai anos a conferencia de alcaldes para pechar programas concretos, definir inversións e propor a cada cidade o seu rol dentro de Galicia, e non para dicirlles: «Hai que levarse ben». E, unha vez definida a cooperación nese foro, que veña a competencia.

-¿Que vai supor o AVE?

-O tren de alta velocidade vai cambiar importantemente as relacións económicas, sociais, culturais e políticas de Galicia. ¡Santiago e Ourense a 25 minutos! Vou poder ir comer alá e cear aquí, a un funcionario daralle igual vivir nun sitio e traballar noutro... É só un exemplo, podiamos falar tamén de Vigo ou da Coruña. Os cidadáns de Barcelona xa están mercando os seus pisos en Girona e os de Madrid, en Segovia. E iso vai pasar aquí.