Onte facían parada en Celanova os académicos de San Rosendo e na vila, como en toda Galicia, houbo unha lembranza entrañable para un home bo, inmensamente bo, e un traballador incansable polo país: Francisco Fernández del Riego. Na súa intervención o alcalde de Celanova no deixaba pasar a oportunidade de lembrar que Fernández del Riego foi distinguido no seu día co Premio Celanova Casa dos Poetas e que, como tal, era Patrón de Honra da Fundación Curros Enríquez.
Onte foi Celanova como podía e debería ser calquera outra vila ou institución galega porque Fernández del Riego, Don Paco para os que se referían a el con ese aquel de home bo e xeneroso ao que o «Don» pronunciando con respeto e admiración facía máis venerado, tiña a sabiduria e a humildade dos que levan estado en mil proxectos e xuntanzas das que xa figuran con letras de ouro na historia do país, circunstancia esa da que nunca facía gala nin aproveitaba para reclamar honores e «benzóns» -como a el lle gustaba dicir- que para si demanda calquera intelectual da cadela dos que neste país abondan. Cercano, bo conversador e cumplidor, Fernández del Riego non deixaba pasar a oportunidade de aportar a súa sabiduria naqueles foros onde era demandado e convidado. O mesmo podía facer dun acto no Ribeiro unha cita histórica polas vivencias e episodios que rescataba da memoria para a ocasión, que acudía á casa grande de Cimadevila para atoparse coa memoria do seu querido Ramón Otero Pedrayo. Dende o seu outeiro da Fundación Penzol atendía calquera consulta ou demanda de información coa dilixencia e habilidade de calquera bibliotecario que comeza, mais neste caso co valor engadido de todo un saber enciclopédico.
A Real Academia Galega, o Día das Letras Galegas, Galaxia e Galicia en xeral quedan un pouco máis orfas agora que Don Paco xa non vai estar cando se lle necesite.