Por veces a historia remata por repetirse tantas e tantas, e tantas, e aínda máis veces que semella que non haberá solución por moito que alguien se poña ao chollo canto antes e lle adique todo o tempo do mundo. E máis.
As Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia, Xociviga, e a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, MIT, están de novo na carreira de ver como lle recortan axudas ou non entran nun reparto de subvencións que se fai para un sector concreto, aínda que coas excepcións que sempre caen do mesmo lado. A intencionalidade política sempre existe, con calquera goberno sen excepción, e resulta especialmente sospeitoso e chamativo que o presidente galego veña gañar o xubileo a Ribadavia para celebrar o 25 aniversario da Mostra e logo, meses despois, lle pase a rebarbadora ás axudas da Mostra. Como sospeitoso resulta que, de súpeto, a unha dirixente socialista lle entre a paixón pola escea e se decate que quere aportar unha boa partida dos seus escasos fondos para a cita do capital do Ribeiro. O mesmo acontece no caso do Carballiño e das Xociviga, que por aquilo das liortas políticas pasan dos fastos para maior gloria dun partido e uns dirixentes que foron os seus piores enemigos a quedar fóra do reparto das axudas económicas do Xacobeo 2010.
Nos dous casos, como en máis proxectos e actividades que se desenvolven na provincia en materia cultural ou noutros sectores, faise necesario consolidar un esquema sempre anunciado e nunca materializado como é o de artellar unha entidade -chámese fundación, consorcio (como acontece no Festival Internacional de Cine de Ourense) ou como se queira- onde teñan cabida diferentes institucións e administracións para garantir un traballo con continuidade e perspectiva de futuro, lonxe de escearios políticos adversos ou favorables, e con equipos de traballo que non estean condicionados polo poder político de turno. Só dese xeito rematarán con este calvario.