Pasa o tren

Luís Martínez-Risco Daviña

OURENSE

28 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Foron ben interesantes as xornadas sobre o AVE, e supoño que a resposta cidadá colmaría as expectativas dos organizadores sobre unha temática de tal trascendencia para a cidade de Ourense. Mais sendo interesantes as aportacións técnicas, e non sei se estéticas, sobre as vantaxes que para nós terá acurtar tempos con Madrid, non eclipsa unha problemática aínda sen resolver dende os inicios da industrialización: a necesidade dunha vertebración eficaz da rede de comunicacións galega. Algo imprescindible para calquera desenvolvemento económico. Problema do que supoño conscientes a todos os ponentes. Incluso o señor ministro tivo a oportunidade de escoitar as reivindicacións de potenciar o transporte de cercanías. Ese é o gran problema. Non é de recibo que viaxar de Ourense a calquera das cidades galegas, xa non quero pensar ás principais vilas doutras provincias, supoña un auténtico suplicio para quen queira utilizar o transporte público. E mentres non abordemos o problema e asumamos socialmente o custe, seguiremos perdendo o tren do progreso.