Fernando Iglesias Ramos preside a asociación de celadores de Galicia.
-A xuntanza leva o apelido de galega pero tiveron ampla presenza foránea.
-Cando empezamos a organizar o evento a idea era de facer unha xuntanza so galega pero empezounos a chamar xente doutras comunidades amosando interese.
-A asociación ten un ano de vida, ¿por que naceu?
-Nos foros de internet reflectíase unha inquedanza pola cualificación da categoría de celador, así que decidimos asociarnos. Estamos asociados agora mesmo 87 e na sanidade galega somos arredor de 2.000 celadores. E hai outro dato indicativo, nas últimas oposicións da Xunta presentáronse máis de 8.000 solicitudes para postos de celador.
-¿Que ten a profesión que é tan demandada?
-A explicación é que, para poder acceder, so se pide certificado de escolaridade, non se pide formación profesional, de aí que a xente con estudos moi básicos se decida a botar a solicitude.
-aí empezan as súas reivindicacións.
-Queremos reivindicar primeiro que sexa catalogada como profesión dentro do catálogo do Ministerio de Educación e que haxa módulos formativos en FP. Consideramos que unha persoa que desempeña o seu traballo nun quirófano ou na entrada de urxencias para coller a un politraumatizado ten que ter unha formación regulada. Hoxe é o que nos está impedindo ter unha formación continua, que so é para o persoal cualificado.
-¿Como aprenden o seu oficio?
-O único recurso que temos é que os veteranos aprendan aos que entran. Cando un celador aproba unha oposición, empeza a traballar sen contacto ningún co hospital nin formación práctica, de maneira que, cando chega, non sabe desenvolverse. A xefatura dache uns papeliños con cousas básicas.
-¿Serán atendidas as súas reivindicacións?
-No ámbito estatal leva un ano paralizado o proceso Nós o que queremos é que nos inclúan na familia sanitaria. Nós queremos tomar protagonismo e non desaparecer como profesión.