«Escribo en ton pesimista porque pasei moitas neste mundo, e sobre iso cargo a miña literatura»
OURENSE
Nacido nunha familia humilde, ir á escola pronto deixou de ser unha posibilidade na vida de Leoncio Fernández Rodríguez (O Bolo, 1930), quen se converteu en autodidacta e aprendeu a ler e a escribir guiándose por libros de poesía e periódicos. -Sempre me gustou ler. E xa hai anos, son sei cando porque como non apuntei as datas non me lembro, pero haberá uns vinte, empecei a escribir. Escribía e ía arquivando, porque non contaba cos medios para poder publicar. -Unha situación que cambiou recentemente, coa publicación de dúas obras, «Suspiros del alma» e «As ondas do vento». -Si. Agora encontrei unha editora (Asunción Arias, de A pena d'agua), que se encargou de imprimilo. Eu pago os gastos (trátase dunha edición de autor) e ela encárgase de vendelos. E espero que o faga a conciencia, porque a edición custoume arredor dos seis mil euros (ri). -Dúas obras a un tempo. Ambas de poesía, pero unha en galego e outra en castelán. ¿Que o leva a escoller un idioma ou outro? -O galego úsoo porque lle teño máis amor á patria, pero decidín escribir en castelán tamén porque era máis amplo, porque serían máis as persoas que poderían comprenderme. -O que é común en ambas publicacións é o ton pesimista, ¿por que? -Porque pasei moitas calamidades neste mundo, e sobre iso cargo a miña literatura. Fágoo nunha poesía que pode entender todo o mundo. -¿Algún poeta de referencia? -Curros Enríquez e Rosalía de Castro, Antonio Machado e Lorca. Son os meus autores preferidos, e nos libros dedícolles algúns poemas. -¿Só escribe en verso? -Tamén escribo textos, xa teño algún, pero aínda non os publiquei. Están rexistrados, pero sen imprimir. Se encontro unha editorial que se comprometa... E de poesía teño dous libros máis, pero antes de publicalos vou esperar a ver como van estes. Un é en galego, O merlo; e o outro en castelán, El camino de la verdad. Eu prefiro a poesía, porque é a nai dos cantares. É humorística, morriñeira, e tamén a mellor forza de denunciar a hipocrisía e as inxustizas do mundo de hoxe en día.