«Traballo dependendo do que me diga a pedra»

OURENSE

O Liceo da capital presenta estes días unha exposición da obra escultórica do bandés Salinas Portugal

22 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Félix Antonio Salinas Portugal ten 49 anos, naceu en Bande, reside en Santiago e, na actualidade, expón a súa obra no Liceo. É a primeira vez que presenta as súas esculturas na capital ourensán. Os que queiran coñecer o seu traballo poden facelo ata finais deste mes.

-¿Como se iniciou na escultura?

-Sempre me gustou debuxar e facer escultura aínda que empecei a facer maxisterio. Aos trinta anos decidín que traballar a pedra era a miña vocación. Meu pai meteume o vicio de traballar na pedra porque a el lle gustaba moito. Aproveitei que había un ciclo de traballo en pedra na escola de artes en Santiago, fíxenllo, e dende entonces adícome a isto.

-¿Que é o que podemos ver estes días no Liceo da súa obra?

-O que mais me gusta é a pedra. Son diversas pedras: granito e mármore. É un pouco o que fixen nos dous últimos anos.

-¿Qué reflexa nelas?

-Por un lado traballo a figura humana e nas cuestións xeométricas. Eu traballo dependendo do que me diga a pedra. Normalmente con tres ou catro pedra postas diante de min. Vounas mirando ata que a pedra me quere dicir algo. Algunha pedra a merco nas canteiras e as veces indo por aí atopas algunha. Un pouco das escombreiras. Co mármore pasa o mesmo

-¿Pensou algunha vez en cambiar de material?

-Probei coa madeira que tamén a traballo algo e un pouco no ferro. Quería empezar a traballar algo máis nestes materiais, pero penso seguir na pedra, fundamentalmente.

-¿Cre que a xente sabe valorar o que é o traballo en pedra?

-Moitas veces non. Se miras as horas de traballo non te compensa. Vente saíndo a hora de traballo en cinco euros. O que se vende serve para facer sitio, para seguir traballando.

-¿Pensa en cambiar, en iniciar outra forma de traballo?

-Vou a seguir coa mesma liña, coa figura humana e coas formas xeométricas, que son as dúas temáticas que agora máis me gustan.

-¿A súa obra xa estivo en Ourense?

-Expuxen o ano pasado en Rairiz de Veiga, no centro de interpretación de Congostro. A experiencia foi moi boa e interesante. Da exposición no Liceo espero darme a coñecer na miña terra. En Santiago teño feito varias exposicións

-¿Ten algún escultor ao que segues?

-Fíxome en todos os escultores, eu creo que sempre se colle algo do que ves. Gústanme moitos: Faílde, Baltar,... De todos os que vexo gústame algo. Eu en principio formeime de forma autodidacta pero vin que o aprendizaxe era moi lento. Púxenme en mans dun profesional para que me ensinara o oficio. Penso que estou no camiño de coñecelo. Creo que nunca se acaba de aprender, sempre hai cousas novas.