«PP e PSOE están a servizo de Madrid e só o BNG pode defender Ourense»

OURENSE

O nacionalista cre que o Bloque está en disposición de acadar novas competencias e proxectos e denuncia a connivencia de populares e socialistas no voto emigrante

18 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

A Iago Tabarés a actividade política o ten levado a asumir en pouco tempo responsabilidades que outros, no seo do movemento nacionalista, non puderon acadar. Obviamente porque as circunstancias eran moi diferentes e os esforzos demasiado grandes en comparanza co respaldo popular. Concelleiro en Ourense -2003 a 2005-, renunciou ao cargo para ser candidato do BNG nas autonómicas e dende 2005 é deputado. No Parlamento de Galicia ostenta a portavocía en materia de Xustiza e Emigración e presidiu a comisión da vaga de lumes de 2006.

-¿Demasiadas responsabilidades para dous anos de exercicio?

-Todo camiño que se inicia ten dificultades de ubicación e de rodaxe, de irse afacendo a novas responsabilidades. A valoración é positiva porque nas áreas donde ostento a portavocía, Xustiza e Emigración, se teñen dado importantes pasos para que a xustiza mellore e para que no caso da emigración se aborden algúns aspectos, como o do dereito ao sufraxio, que eran unha asignatura pendente.

-A súa designación como candidato do BNG ao Congreso non suscitou ningunha voz en contra ¿iso é bo ou malo?

-A designación, o apoio recibido -non me consta ningún cuestionamento da proposta- o sentes coma un orgullo. Que a túa organización e a xente que a compón, a quen dalgunha maneira representas, siga confiando en ti para cometidos importantes é unha gran responsabilidade, pero persoalmente é un orgullo que a xente que te rodea e coñece o teu traballo o teña en conta e o valore para representar ao BNG en diferentes procesos electorais.

-Vostedes anunciaron que o reto era conseguir un deputado por Ourense.

-Efectivamente ese é o noso obxectivo. Polo sentimento que temos e pola percepción, Ourense é un dos lugares donde é máis factible acadar representación.

-O PSOE tamén se fixa como meta conseguir un deputado máis pola provincia ¿quen se faría entón con ese hipotético deputado que perdería o PP?

-O obxectivo do BNG ten que ser facerlle chegar á cidadanía a relevacia e importancia que ten que Galiza, e Ourense, conten con voz propia en Madrid e non dependan de organizacións políticas que teñen a cabeza e a dirección lonxe de aquí, en Madrid. PP e PSOE van seguir estando ao servizo e ás ordes do que digan en Madrid e o BNG ten que lembrarlle aos cidadáns a importancia de que Ourense conte con voz propia, galega e non allea, no Congreso para defender os nosos intereses. Non é o futuro de Zapatero ou de Rajoy o que está en xogo, son as nosas infraestructuras e transferencias o que está en xogo e aí creo que temos que aprender moito doutras zonas desenvolvidas do Estado e da relevancia e importancia que para estas é contar con voz propia no Congreso. Como aconteceu sempre, PP e PSOE están ao servizo de Madrid e só o BNG pode defender a Ourense e aos seus intereses.

-¿Un deles pode ser a chegada da alta velocidade que segue a aprazarse outra volta?

-Cando falamos tanto de prazos, como por exemplo no caso do AVE, en boa medida iso está condicionado a que o BNG teña voz propia en Madrid e que Ourense se faga escoitar con especial intensidade. E iso sabemos que non o garante nin o PP nin o PSOE. A experiencia así nolo di.