«Para min é moi especial subirme a un escenario no Barco»

Cristina de la Torre

OURENSE

19 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Compatibilizar estudos e traballo non é sinxelo para ninguén pero se por riba son estudos de interpretación cun papel protagonista dunha obra de Shakespeare, máis difícil aínda. E se por riba es cantante, das concertos e tes 23 anos, suma e sigue. Así é hoxendía a vida de Christian Escuredo, un artista barquense que dende o pasado maio interpreta a un Romeo moi actual nunha montaxe de Teatro do Noroeste que está de xira e que o 28 de setembro deterase en O Barco.

-¿Ilusionado coa actuación no seu pobo?

-Será a primeira vez que me suba ó escenario do teatro barquense como actor e para min é algo moi especial.

-¿Facer de Romeo non é moita responsabilidade para un actor novel?

-Facer un Shakespeare é complicado, é difícil de interpretar, de crear as personaxes pero é ó que aspiran tódolos actores e eu véxoo como un reto. Estou aprendendo moitísimo e teño moita axuda dos compañeiros e do director, Eduardo Alonso.

-É unha versión actualizada de Romeo e Xulieta. ¿Como reaccionou a crítica?

-Entre a crítica hai de todo, pero a maioría destacan que é unha versión sorprendente. Romeo e Xulieta coñécense nun botellón e mestúrase o texto clásico con xerga xuvenil e tódalas personaxes son moi xoves. Outra novidade é que hai unha narradora, unha mendiga que se dirixe ó público.

-Moitos cambios pero o final morren, ¿non?

-(Risas) Si, claro, os amantes morren. Pero non é unha historia lánguida e fatal, é máis violenta e moi física. A escenografía é plástica e sinxela ó mesmo tempo, cuns andamios que se transforman ó longo da representación. A verdade é que rematamos moi cansos.

-Sona arriscado. ¿Convencen ó público con esta aposta?

-Dura dúas horas e nese tempo o que lle pasa ó público pola cabeza é moi distinto, pero é intelixente e sabe que vai ver a versión dun director e ó final ten a liberdade de dicir se lle gusta ou non. Cando te adicas a isto sabes que estas exposto ás críticas.

-A obra gústalle, supoño.

-Eu son moi partidario das versións. Estas obras están escritas para un público de fai moitos séculos e débese actualizar a súa mensaxe, coa ópera pasa e co teatro, igual.

-Algo parecido fixo Baz Luhrmann nunha película hai anos. ¿É vostede como aquel Leonardo DiCaprio?

-(Risas) Non creo. A verdade é que vin tódalas películas e lin outras versións do Romeo e Xulieta pero se houbera que comparar esta versión con algunha é coa de West Side Story, coa salvedade de que neste caso non é un musical. Iso si, ten unha escolma de música excelente.

-¿Hai plans para levarse a obra fóra de Galicia?

-De momento temos actuacións ata marzo pero seica xa hai algunha proposta para facela en castelán.

-¿Quédase co teatro, coa música...?

-Estou seleccionando temas para o meu segundo disco e continúo na Escola Superior de Arte Dramático de Galicia. Antes deste traballo participei nun musical. É o que que máis me chama porque actúo, bailo e canto. Tamén teño curiosidade por probar cine ou na televisión.