O neno que coñeceu a Balbino

OURENSE

SANTI M. AMIL

Crónica | Toma de posesión en Castrelo O novo alcalde, de 32 anos, lembrou ó protagonista de «Memorias dun neno labrego», citou a Castelao, Manuel María e Chaplin e agradeceu a confianza dos socialistas

06 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

? primeiro alcalde do BNG no Ribeiro viviu a súa estrea plenaria e a designación como primeira autoridade local feito un mar de nervos. Embutido nun traxe que o facía diferente para os que o tratan no día a día, Xurxo Rodríguez Méndez pedía un vaso de auga antes da sesión para que non se lle secase a gorxa. No pleno estivo ríxido e falto de refrexos...ata que prometeu o seu cargo «por imperativo legal» como alcalde de Castrelo de Miño. Logo de agradecer cun xesto o estoupido de aplausos que avalaron a súa elección como alcalde -o primeiro alcalde do BNG no Ribeiro e, con 32 anos, un dos máis novos de Galiza-, apareceu o Xurxo Rodríguez Méndez que se foi gañando ós seus veciños e a cantos o coñecen cuns argumentos irrefutables: os dos feitos. Os que o levaron desde hai máis de 12 anos a estar comprometido cos movementos culturais de Castrelo, co nacionalismo, coa aposta polo Ribeiro como un lugar donde vivir e crear riqueza e na creación de novos e inesquencibles viños para o século XXI. O novo alcalde de Castrelo, que se chantou no pleno cunha pequena biblioteca, abriu o seu discurso citando a Castelao e a súa intervención na Alba de Groria, do 25 de xullo de 1949. Prometeu unha nova e marabillosa etapa para Castrelo «con novas ideas e novos e grandes proxectos» e identificouse co Balbino de Xosé Neira Vilas para lembrar que, coma o protagonista de Memorias dun neno labrego, el era «un neno labrego con inquedanzas» que sempre andivo á procura de respostas e dun futuro para o seu pobo. Paco e a súa familia Lembrou ós seus compañeiros de viaxe en colectivos como Penedo da Forca, levou un exemplar da revista, ou o BNG de Castrelo e non quixo deixar pasar a oportunidade de facer público o seu agradecemento a quenes o axudaron, orientaron e apoiaron nestes anos: «Grazas Paco -Francisco Alonso, Paco do Morto, ex concelleiro do BNG en Ribadavia- polos teus consellos. Grazas Xabier -Carreira Sebio, edil en Ribadavia- por esas crases de ciencias políticas disfrazadas de tertulias, grazas Tereixa e grazas á miña familia». A liña argumental do discurso de Xurxo Rodríguez Méndez quebrou neste punto. A voz do novo alcalde abafouse co sentimento e o público rompeu a aplaudir para turrar «do noso Xurxiño». Aínda sen poder disimular a emoción e coa voz tomada, o novo alcalde agradeceu o apoio e as ensinanzas recibidas dos seus pais e da súa irmá e lembrou a Neves Paz Villar ao tempo que citaba os textos de Manuel María recollidos en Penedo da Forca. Rodríguez Méndez, que levou o Sempre en Galiza ó pleno parafraseou a Castelao para asegurar que «os tempos son chegados» para Castrelo de Miño e agradeceu publicamente o apoio do PSOE para liderar esta nova etapa na que «non esquencerei quen son nin de donde veño». «Morrer en Castrelo», non O novo alcalde de Castrelo citou un discurso de Chaplin para animar a tódolos veciños a colaborar en facer o futuro do municipio entre todos e collendo da mesa a mítica publicación Morrer en Castrelo, de Xosé Fernández Ferreiro -sobre as movilizacións polo encoro-, rematou: «Morrer en Castrelo non, vivir e traballar en Castrelo de Miño si». E o público reventou a aplaudir.