«Os voluntarios forestais temos un efecto disuasorio»

Fina Ulloa
Fina Ulloa OURENSE

OURENSE

Entrevista | David Bruzos Durante esta fin de semana no albergue de Coles tres agrupacións ecoloxistas formarán as persoas que queiran vixiar os montes neste verán para evitar incendios

08 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

? pasado verán, a través do Colectivo en Defensa do Monte, organizouse en Ourense o movemento de voluntario para vixiar e avisar dos incendios forestais. Un cento de persoas participaron na iniciativa que este ano queren reflotar os colectivos Verdegaia, A Esmorga e Semente. -¿Que van facer esta fin de semana en Coles? -A experiencia do ano pasado serviunos para aprender dalgúns erros. Houbo problemas na organización das quendas de vixilancia, as veces con moitas horas parados nun sitio sen saber moi ben que facer. E tamén nos faltaba información sobre cómo actuar e a quen chamar en cada caso. Así que o que tentamos neste ano é formarnos todos un pouco en cuestións básicas como é ler un mapa, saber cómo chegar máis rapidamente a un punto, orientación e tamén sobre cómo artellar o reparto de tarefas e aos grupos. Contaremos con xente do grupo A Golada, que teñen experiencia nestas cousas, e con técnicos forestais e biólogos. -¿Cal é o obxectivo? -No aspecto máis inmediato, lograr ter xente suficiente como para cubrir sen problemas os montes de toda a bisbarra de Ourense. Pero tamén hai un obxectivo de fondo que é o de concienciar á xente da importancia da mobilización cidadá en tarefas de voluntariado como estas, a marxe dos partidos políticos e de quen está no goberno en cada momento. Nós non estamos para apagar lumes, pero está claro que os voluntarios forestais temos un efecto disuasorio importante para quen vai con intención de provocar un incendio e detecta a presenza de xente preto. -¿Quen pode participar nestas brigadas de voluntarios? -Calquera que teña un pouco de sensibilidade co problema que aquí en Ourense é un problema de hai moitos anos. É certo que o voluntariado ecolóxico se relaciona con xente nova, pero nós xa tivemos o pasado ano a persoas con certa idade e estaríamos encantados de que viñera tamén xente maior. Nós non estamos de acordo coa xeneralización de culpabilidade como incendiarios a este colectivo. É certo que a cultura do lume está arraigada no mundo agrícola, porque a alguén se lle pode ir unha queima por descoido ou accidente. Pero tamén é verdade que os poucos montes que están limpos no rural son por esa xente maior que sigue alí e vaino facendo. En realidade esa xente é quen de verdade sabe cousas por experiencia que nos poden servir moitísimo para aprender aos demais. -¿Cando se porán en marcha? -Non temos unha data fixa. Todo dependerá do tempo, que si segue con estas temperaturas non tardaremos moito. En principio ímonos ocupar principalmente dos montes que están na bisbarra de Ourense.