ANACOS | O |
16 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.O desembarco socialista en Ourense para apoiar a Francisco Rodríguez non deixou lugar a dúbidas. Lonxe doutros tempos nos que as navallas tiñan máis demanda no PSOE que en Albacete agora semella que os socialistas gozan dunha paz interior que lles da un posto privilexiado de cara ó relevo político en Ourense. E como en tódalas formacións políticas os que antes eran da extrema crítica agora aparecen de palmeiros dos conselleiros e candidatos...que todo sexa por un bo posto a conta dos cidadáns, por colocar ós fillos e por seguir chuchando do teto da política ¡ Toda unha arte en si mesma !. E Touriño, que hai un ano viñera en plan institucional a anunciar que isto ía ser o paraíso, chegou coa mensaxe da discriminación positiva para Ourense, coa chegada do AVE e co da vertebración do eixo interior de Galicia. Nacionalistas, desde Medio Rural e Vicepresidencia, e socialistas, por boca do presidente da Xunta case que van acabar poñendo en marcha unha especie de Plan Ourense, como o Plan Galicia da anterior Xunta, e agardemos que non vaian as cousas polo mesmo camiño. Agás o avance do proxecto do Val da Rabeda presentado por Anxo Quintana e as obras presentadas no seu día por Medio Rural pouco parece que se vaia concretando desa discriminación positiva que tanto se anuncia e pouco se ve. Será efectiva só se o PSOE goberna na cidade de Ourense ? xa que se non se pon enriba da mesa nada concreto e o da discriminación positiva como que empeza a ser unha especial da antiga reconversión naval de Ferrol pouco avanzamos. Se ata a entrada do AVE a Ourense está por definir. Haberá que agardar á campaña para que Touriño e os seus conselleiros nos veñan a anunciar esas inversións que seica nos van colocar no mapa.