O conselleiro regala confianza

OURENSE

PILI PROL

Crónica | Encontro en Porqueira Suárez Canal lembrou as medidas máis salientables postas en práctica no ano de goberno, lanzou a mensaxe de que o rural ten futuro e reclamou un novo estatuto

22 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

?lfredo Suárez Canal é un animal político. O antigo profesor do IES Ramón Otero Pedrayo gosta do corpo a corpo e non perde ocasión de lembrar o seu vello oficio de décadas percorrendo a provincia. Unha semana despois de participar nos actos que tiveron ós Reis como protagonistas, o conselleiro de Medio Rural -de alerta permanente neste verán por mor dos lumes- achegábase a Porqueira para clausurar un encontro nacionalista encamiñado a falar sobre algúns proxectos desenvolvidos polas consellerías do BNG e sobre as próximas municipais. Suárez Canal vai camiño de convertirse no Teresa de Calcuta do rural galego. O conselleiro de Medio Rural aproveitou onte a súa presencia en Porqueira para clausurar as xornadas do BNG para transmitirlle unha mensaxe clara ós reunidos: o interior de Galicia tén futuro e o medio rural será quen de garantir unhas rendas de calidade e un horizonte futuro de traballo estable coas liñas de actuación que se están a poñer en marcha desde a Xunta de Galicia. Suárez Canal explicou en Porqueira que a nova Xunta se atopou con un medio rural instalado na resistencia e no pesimismo polas prácticas dos últimos 16 anos de goberno do PP e que «en só un ano, o actual Goberno tomou posesión o 4 de agosto do 2005, fomos quen de poñer as bases para lograr nestes catro anos de lexislatura un cambio de tendencia». Lembrou o conselleiro a falta dunha política forestal seria e de futuro, a deixadez de sectores como o lácteo -coa perda de 22 millóns de euros nos próximos 10 anos pola mala xestión en relación ós pagos adicionais da UE- e o mantemento de estructuras do antigo réxime, como as Cámaras Agrarias, entre outras cousas. Na banda contraria puxo o conselleiro o compromiso do rural galego, a xeración de productos de calidade e a aposta polo rexuvenecemento das explotacións -máis de 1.200 solicitudes nesta campaña- e os proxectos singulares para dinamizar o rural. Complicidade e reto Suárez Canal animou a tódolos presentes a convertirse nos mellores embaixadores dos productos galegos, animando á militancia dos veciños das urbes mercando estes productos. O conselleiro tamén tivo a oportunidade de amosar a súa capacidade de encaixe: ó rematar o acto recriminoulle un dos presentes de que non falase de cousas da comarca, lembrándolle o responsable de Medio Rural que a súa presencia na xornada era só para clausurar o acto e para falar dos programas e accións máis salientables da Consellería e que, de tódolos xeitos, estaba programada unha xuntanza cos regantes da zona ó rematar o acto. Jardón Dacal, delegado de Innovación, Tereixa Paz, vicepresidenta do Parlamento e Francisco García, alcalde de Allariz, participaron como oradores na xornada.