ANACOS | O |

31 mar 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A Deputación de Ourense e Edicións Xerais de Galicia presentaron hai pouco un libro e outros materiais editados polo Inorde co resultado do traballo de investigación desenvolvido polo xornalista Rafael Cid. Este proxecto editorial une dúas liñas de actuación diferentes á par que complementarias: a recuperación da memoria histórica dos carrilanos e dos traballadores da vía e a iniciativa da Deputación de recuperar as vellas estacións de tren abandoadas para empregalas como centros culturais, turísticos, museos e noutras funcións. Onte mesmo, tamén na institución provincial, voltaba o debate sobre a chegada do tren de alta velocidade a Galicia, o cumprimento dos prazos, a imprevisión á hora de decidir a entrada do AVE na trama urbanística da cidade de Ourense e as caracteristicas da liña. Aínda que estes dous actos non tiveron, e obviamente non teñen, nada que ver quizás hai moita máis relación da que a simple vista parece. Da lectura de «Carrilanos» tíranse acotacións moi curiosas: o ferrocarril Puebla de Sanabria-Ourense, un dos catro do tramo Zamora-A Coruña, foi aprobado en 1926 logo de medio século en que esta demanda e este proxecto foran asunto de recorrente actualidade. As obras Puebla de Sanabria-Ourense íanse rematar en cinco anos, máis non foi en 1931 cando se inaugurou o tramo, senón medio século despois de aprobado o proxecto: o 1 de xullo de 1957 cunha viaxe do dictador Franco e a súa dona, acompañados do famoso Conde Vallellano e o escritor Wenceslao Fernández Flórez, entre outros, como invitados de honor. Polo medio houbo recortes presupostarios, suspensión do proxecto, manifestacións en toda Galicia, mortos en liortas laborais e moitas máis situacións como lembra Rafael Cid na súa obra. A pregunta agora é ¿estamos ante unha reedición do caso Puebla de Sanabria-Ourense?.