Merecida homenaxe

LUÍS MARTÍNEZ-RISCO DAVIÑA

OURENSE

CALPÚRNIA | O |

24 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

COÑECÍN a Olga Gallego polos seus traballos, interesantísimos e refrescantes, sobre a nosa provincia. Cando optei, supoño que foi unha feliz decisión, por regresar á terra dos meus devanceiros, ás orixes, Olga xa non exercía, creo, como directora do Arquivo Histórico Municipal. Polo que sempre a vincularei ao Grupo Marcelo Macías que, grazas ao Boletín Auriense, engarza a actualidade con aquel Ourense Atenas de Galiza. As relacións que por motivos profesionais manteño co Museo e co Arquivo, permitíronme coñecela e poder abusar do seu tempo cando, sen presas pola rúa, comentabamos algunha novidade sobre a política cultural municipal. Algo que, circunstancias, hai tempo que non acontece e ben que o lamento, pois gostaría saber das súas reflexións sobre as polémicas que nestes días atinxen ao noso patrimonio. No Ourense que tanto estudou e coñece, recibe a merecida homenaxe do Grupo de Traballo de Arquiveiros de Galiza. Recoñecemento a anos de esforzo por dignificar os arquivos, pezas imprescindibeis no complexo mundo das Ciencias Sociais.