DIARIO DE AURIA XOSÉ CARLOS CANEIRO | O |
07 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.PASOU o Nadal entre felicidades e tarxetas de crédito, ou sexa, que pasou o Nadal de toda a vida. É como se crecésemos cada Nadal que pasa. Máis maiores, máis serios. Un Nadal sen Juan Pardo nin Piñeiro, un Nadal de pacotilla. Contemplando cómo se divertían os canallas que queimaron a unha muller, niñospijos, xa ves, deses que se pirran por estar in , que gastan pasta todos os días e que teñen irmás de Barbie e consola playstation. Aquí, en Auria, que é unha parte do mundo que non se parece ao resto, o Nadal trouxo aglomeracións hosteleiras, en plan chungo, e denuncias. Estas cousas pasan porque teñen que pasar, porque hai moito inspector para a cousa do tabaco e pouco inspector que defende ao cidadán que paga por entrar a unha sala de festas, a un comercio, ou a unha casa de citas. O Nadal trouxo a paralización das obras das Burgas, que xa tiñan que estar paradas e ben paradas cando o caudal da fonte minguou, cando a sociedade ourensá estaba cabreada, cando os expertos dicían que coidadiño, que a ver, que vaia vaia. A Consellería de Cultura defendeu o público por riba do privado, que para iso é unha Consellería e non un bufete de colegas ao servizo de amiguetes e "allegados", que a política non é iso, que non. Decisión sensata, valente e inusual. Temos un delegado especialmente sensible co patrimonio e unha conselleira intrépida. Que duren, digo. E que Ourense espabile, porque os símbolos hai que protexelos. A ninguén se lle ocorre plantar un edificio a poucos metros da porta do sol, da torre Eiffel, ou da catedral de París. Aquí colocamos edificios en calquera lugar, que para iso son os que dan pasta. As Burgas hai que mimalas porque son marca de identidade, ou sexa, valor de Nós. Valores que nos definen e que nos proxectan. O demais non sae de aquí, como a cousa do festival de cine. Pasou o Nadal e Juan Pardo non estivo na Tvg, uff.