ANACOS | O |

04 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

A provincia de Ourense aparece definida por unha serie de parámetros que, por desgracia, a veñen situando nos últimos anos no pelotón de cola de tódalas etapas ciclistas do benestar social. E por outros que a confirman como un sitio distinto, ó xeito do vello grito de guerra de Antón Reixa. A saber: a producción masiva e cualificada de opositores de toda caste e a inusitada actividade que na mesma, na provincia, ten o sector da construcción. A irmandade da rasilla é a que lle da a un grande número de traballadores ourensáns a posibilidade de gañarse as fabas e desenvolver un proxecto vital -máis dun 17% dos traballadores da mesma están asociados a este sector-. E esa circunstancia imprime carácter e marca a actividade económica da cidade e da provincia. Mais non todo son boas intencións e loables desexos de prosperidade. O sector é desde hai décadas ó máis forte da provincia e iso diu como resultado o que estamos a ver tódolos días nos medios de comunicación e nas resolucións xudiciais: edificios con máis volume do permitido, rasantes que comen metros e metros de terreo público, vivendas con anos de uso que están pendentes de legalizar, fincas nas que se construiron centos de vivendas de máis e que ninguén vai poder arrombar...a realidade cotidiá do poder dos constructores. Agora o Concello de Ourense fai un acto de fe para enmendar os pecados pasados e di que vai emplazar ós constructores e promotores para que abonen ás arcas municipais o que tiñan que pagar por lei e nunca cotizaron. Como declaración de intencións está ben, e como resposta ó Consello de Contas está mellor. Mais os cidadáns ourensáns non se van beneficiar nin un céntimo desas boas intencións. Cando os constructores asumiron os seus riscos fixérono sabendo que ninguén os ía molestar no futuro.