ANACOS | O |

14 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

A verdade é que non tiña pensando volver a falar de bandeiras, músicas, politonos, símbolos e outros obxectos de todo a 100 -perdón, a 0,60 euros- que están tan de moda ultimamente. A Caneiro dáselle moito mellor que a min e iso fai que sexa un esforzo innecesario e escoante para a miñas escasas entendedeiras. Para o meu escaso siso, repito para que ninguén se sinta ofendido, o de determinada simboloxía como que necesita unha posta a punto. Unha ITV ideolóxica, para que nos entendamos. Nunha ocasión un traballador dunha empresa audiovisual negouse a asinar un manifesto dos seus compañeiros no que se pedían mellores condicións de traballo e unha maior remuneración. Ante a sorpresa dos reunidos espetoulles: é que eu son escritor e o manifesto non está ben redactado. O mesmo lle pasa a determinada simboloxía: que está mal redactada e debería convocar un concurso de ideas para reciclarse. Porque imos ver ¿que resulta máis atractiva a bandeira española ou a de Xamaica, Brasil, Xapón ou mesmo a de Noruega, por poñer algún exemplo rápido? ¿que é máis estética e fermosa -á par que legal ata que Franco decidiu o contrario- a tricolor ou a «roja y gualda»? e como escribiu nesta mesma columna outra persoa hai tempo ¿que é máis emocionante o himno español ou pezas como a Marsellesa, ou ata se me apuran o famoso himno do trompetista da Copa Davis en Australia?. En lugar de andar ós biosbardos con tanta liorta ideolóxico-patrioteira eu recomendaría que o Estado fixese o mesmo que Ibería: que collese a un artista ou a un creador reputado, no caso da compañía aérea foi Adolfo Domínguez, para que lle pegase un bo repaso á bandeira e o himno español. Ou facer un concurso de ideas tipo proxecto estilo Calatrava ou Foster para modernizar a simboloxía. Enfín, a min -como a George Brassens- a música militar tampouco me inspira.