DIARIO DE AURIA | O |

21 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

RESISTEN como estandartes da verdadeira pedagoxía, esa que axuda a crecer en liberdade, risas, fraternidade. Carecen de prestixio social porque o prestixio social non se gana día a día, senón con márquetin e portadas. Antes dicían deles que pasaban fame, e agora -case peor que a fame- acúsanos de ter un exceso de vacacións. Soportan reformas caprichosas en función do político de turno, sempre rendidos (os políticos) á dictadura dos votos. Non ganan demasiada pasta e aos novos, na cidade, cústalles pagar a hipoteca dun piso. Limpan mocos, feridas, levan a casa a carteira cargada con mil problemas e, pese a todo, seguen pensando un futuro mellor para todos. Son os mestres. Os de Maxisterio. Este xoves, os de educación infantil, celebraron a xornada de convivencia anual. En Xinzo. Estaban todos os nenos da provincia, coa camiseta de Cholo e Nela, contentos. Os cativos soñan con Cholo e Nela todo o ano. Traballan con eles (Cholo e Nela son os personaxes que serven como estímulo nas aulas de educación infantil ourensanas para conseguir algúns obxectivos didácticos ou docentes). E rin, e gozan, e crecen en liberdade. Esta sociedade debe moito aos mestres. Aos de verdade. Aos de mandilón e bata e mans cheas de xiz branco. Cholo e Nela son unha beizón. Os que fan posible que Cholo e Nela existan, tamén. Eles son a garantía dun futuro de luces, esa Auria luminosa que observamos no horizonte cando as ganas de soñar escasean. Cando buscamos a praia baixo o asfalto e só encontramos, madita sexa, ladrillos.