DIARIO DE AURIA | O |
14 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.AO COLUMNISTA ás veces fáltalle o asunto. Polo tanto recréase na contemplación do outono, na catalepsia dunha mirada sen eclipse de lúa, na memoria duns ollos. Os ollos son o asunto do columnista cando falta o asunto. Hoxe, precisamente: un ano e dous días despois de. O buque permanece no fondo do mar e a tristeza, como uñas, no fondo da alma. Podería falar do éxito (¿qué éxito?, ¿saben que se aparecese outro Prestige os medios para evitar a catástrofe serían os mesmos?). Falar do Plan Galicia, do voto mariñeiro, da solidariedade de Auria. Pero o columnista prefire falar dos ollos. Ollos negros de fuel nunha praia do corazón. Ollos de lágrimas mentres eles contaban que era una manchita, poco más. Ollos ufanos dun país que vai por diante dos seus políticos: os políticos da oposición que seguen facendo, ¡ai!, a oposición que marca este goberno propagandista, astuto. Ollos de novembro que saben a güisqui amargo, a fracaso. O Prestige é a historia dun fracaso: unha administración enferma que utiliza o poder na captura de votos. Pero tamén é o Prestige o relato dunha victoria. A victoria dos ollos. Eses que miran o futuro. Para sobrevivir.