O recordo de Carlos Casares xunguiu a cen escolares de Celanova na Casa dos Poetas Na Horta das Palabras houbo un sinxelo acto literario presidido pola viúva do autor
30 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Os escolares dos centros de Celanova non deixaron onte pasar a oportunidade de se achegaren á Casa dos Poetas para honrar ó escritor Carlos Casares no último día da exposición adicada ó mundo deste ourensán desaparecido o pasado ano e do que Manuel Rivas dixo: «Unha cousa é morrer un día, por exemplo o 9 de marzo do 2002 e outra moi distinta morrer toda a vida». É a sentencia que da a benvida á mostra nunha casa, a de Curros Enríquez, na que tan presente está a pegada de Casares. Os mundos de Carlos son os das cousas sinxelas, pequenas dun home complexo e polifacético. No acto literario tratouse de achegar ós cativos e mozos no só o espíritu de amor pola obra deste autor limiao senón polo amor á literatura galega en xeral. Como dixo a súa viúva e presidenta da fundación que leva o nome do autor, Cristina Berg, Rianxo, Mondoñedo, Padrón e Celanova son vilas de grande efecto en Casares. E Celanova, vila querida, quedou prendida para sempre na súa xeografía do corazón. «Ogallá que esto poida axudar a que os nenos e nenas poidan anmarse a ler e non deixar de falar o noso idioma», dixo Cristina. Tres nenas, Noa, Claudia e Zaida, deleitaron ó auditorio xuvenil que enchía a Horta das Palabras. Puxeron frescura e ata músicalidade ó mediodía grisento. «Carlos sentíase moi cerca dos nenos e de feito a maioría do seu tempo adicouo ós máis novos porque decía que eso de cultivar e falar o galego ten que prender dende os cativos». O alcalde da vila, Antonio Mouriño, felicitou ós presentes pola masiva asistencia e lembrou a súa experiencia co escritor. Os rapaces foron ver despois un documental no que Casares anda distraído, por exemplo, cos trenes en miniatura dos que tanto gustaba. Os actos literarios semellan teren outro sabor en Celanova.