Trandeiras, dezasete anos

La Voz

OURENSE

TRIBUNA | O |

03 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O 7 de xullo de 1503, Cristóbal Colón escribe unha moi pesimista carta ós Reis Católicos, pouco antes de regresar da súa derradeira viaxe a América. Apenas 17 anos máis tarde, aquí na Limia, Alonso de Piña, un crego con posibles, oriundo de Toledo, metíalle presa o mestre de obras Bartolemeu Nosendo, para que se deixase de lerias, e comezase de contado ás obras de Trandeiras. Debía de ser moita a premura cando en pouco máis de tres anos os primeiros franciscanos se instalaron alí, coas obras sen concluír. O 21 de novembro de 1777, Don Pedro González de Ulloa, abade de Cobelas, data o informe que lle envía ós duques de Alba da Descripción dos Estados da Casa de Monterrei en Galicia. É esta unha fermosa obra na que se analizan polo miúdo as terras da Limia na época, e na que se fai referencia ós avatares de Trandeiras nos seus primeiros 250 anos de vida. Pouco sospeitaba González de Ulloa, que apenas dezasete anos máis tarde, Trandeiras viviría un dos seus episodios maís notables por ter acollido aquí a un grupo de eclesiásticos franceses que fuxían da Revolución Francesa, entre os que viña o propio bispo de Blois. E tampouco que serían os propios franceses os que causarían a maior destrucción do convento, queimando edificio e documentos, cando en 1809 as derrotadas tropas do Mariscal Soult fuxían do acoso de Lord Wellington que os perseguía teimudo dende o norte de Portugal. O 8 de novembro de 1986, un artigo de prensa denuncia o alarmante estado das fábricas de Trandeiras, que lucía novas campás dende poucos días antes, e fai votos para que nunca toquen a defunto polo Bon Xesús da Limia. Daquelas, o convento era aínda propiedade particular, pero en pouco máis de tres anos o Concello de Xinzo adquiría o Convento e as Terras do Bon Xesús, facendo abrollar a esperanza dunha pronta recuperación para un monumento que tiña caído na máis absoluta ruína dende que en 1830 foran exclaustrados os monxes. Faltan só uns meses para cumplir os 17 anos da instalación daquelas campás e cativo é o avance. Seguimos agardando por aquela ilusionante recuperación do conxunto. A degradación prosigue implacable -sería inxusto decir que non se fixo nada nestes anos-, destruíndo cada inverno novos panos de muro dun esquencido Bon Xesús que se queixa tan pouco coma nos da situación que nos tocou vivir e agarda unha intervención que o dignifique e o saque do ostracismo. Manuel Seoane Feijoo.