Chile é o país da loca xeografía

Luis Martínez-Risco ourense

OURENSE

ALBERTO CASADO

A Allende non lle deixaron demostrar nada para transformar o país

16 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

O corazón de Luzmira repártese entre Rafael, un pequeno pobo agrícola do interior Chileno, e Chillán, a cidade na que foi estudar a carreira universitaria e na que viviu ata que en 1975 deciden, ela e o seu home, deixar Chile. Ó falar do interior, aclárame que cando se fala do interior en Chile, non é o mesmo que aquí. Chile é un país moi estreito, polo que a presencia do mar é omnipresente. É o país da loca xeografía, no que se pasa do deserto costeiro máis árido do mundo ós fríos da Antártida. É unha terra excepcional separada do resto do mundo polos Andes e polo Pacífico. Chile é un país multiétnico, froito das múltiples procedencias dos seus habitantes. Mais non se ten producido a fusión entre os distintos grupos de inmigrantes que viven illados reproducindo os esquemas dos países de orixe, polo que é moi difícil falar dunha identidade chilena. Estar en Chile é como estar en Europa ou en EE.UU. Cerco á mestizaxe A diferencia doutros países hispanoamericanos non existe mestizaxe e o elemento indíxena está moi relegado. Cáseque desaparecido, está relegado á Araucania. A desgracia para a case todas as culturas amerindias é que non tiñan escritura, polo que o seu idioma practicamente se extinguiu. Circunstancia que terá repercusións negativas para os indíxenas tamén no eido da economía. Por exemplo, non había rexistro escrito das propiedades das terras, o que dará lugar a que afloren intereses mesquiños. Mais nos últimos anos hai un rexurdir do orgullo de ser araucano, o que favorece a recuperación do idioma. A sociedade chilena é un tanto pechada. Mais que aquí. Isabel Allende dixo que en Chile había máis castas que na India. E esas diferencias veñen marcadas polo estatus económico. Hai unha gran miseria encuberta. Todo o mundo ten traballo, mais os salarios son moi baixos. E aínda que se fala de clase media ésta practicamente é inexistente. Non podo resistir falar do golpe, de Pinochet e de Garzón. Para Luzmira, despois do golpe veu unha gran degradación moral e un forte proceso de aculturización. O de Pinochet nunca pasara en Chile, ninguén sospeitara que a represión acadara os niveis de crueldade que acadou. Quizais poida explicarse polo carácter dos chilenos de aceptar o que pasa. O que desmostrou ser contraproducente, pois non se revolven contra a adversidade. Aínda que houbo chispazos de transformación, estes non calaron. Pensemos en Víctor Jara, Quilapallún. Allende, a quen non deixaron demostrar nada. Os «garzóns» son necesarios e quizais teñan que vir de fóra. Non se atreve a falar de España, pois as referencias que ten da guerra civil e do franquismo proceden dos que se refuxian en Chile e dos intelectuais pro republicáns, como Pablo Neruda. As feridas aínda non están pechadas. Pode que un Garzón dea por concluída a guerra.