O municipio que preside deberá indemnizar a unha veciña con oitenta e cinco mil euros cando aprobou un orzamento de cento sesenta e cinco mil para o vindeiro ano
06 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dictou sentencia favorable a unha veciña de Punxín, que denunciara ó devandito Concello, despois de que as pedras dunha fonte do lugar de Ventosela se derrubasen o 9 de agosto de 1996, causándolle feridas na maior parte do seu corpo. O organismo xudicial obriga agora á administración local, según onte adiantaba La Voz de Galicia, a indemnizala cunha cantidade que ronda os 85.000 euros, penalización que o alcalde, Isaac Fernández, xa agardaba. -¿Esperaba unha decisión destas proporcións? -O certo é que cando entramos no goberno en 1999, xa tiven coñecemento desta denuncia; cando consultamos con avogados, soubemos que o tiñamos difícil, pero agora podemos dicir que xa nos caeu a lousa. Esta sanción responde á xestión nefasta dos nosos predecesores _o goberno encabezado por Vicente González_, que nos deixaron créditos por pagar ata o ano 2006 e nin xiquera tiñan un seguro para afrontar imprevistos deste tipo. -¿En que medida agrava a sentencia a situación económica do Concello? -Somos un Concello pequeno e cos nosos orzamentos non podemos facer marabillas, pero tentaremos negociala forma de pago, porque do contrario xa podemos pensan en vender todo o patrimonio; por se fora pouco aínda temos pendente outro proceso civil coa mesma denunciante e un contencioso máis por unha regresión de terreos. -A resolución do Tribunal fala dunha omisión da vixilancia da seguridade dun elemento público. ¿Con que medios conta Punxín neste apartado? -Para o vindeiro exercicio, aprobamos un orzamento de 165.000 euros e, despois dos gastos lóxicos, incluída unha brigada de limpeza de camiños, no Concello non queda nin para cinco sacos de cemento; pero o que non se pode facer é dicir que o Concello descoñecía a existencia da fonte porque a fixeran unhos veciños, cando debemos estar ó tanto das construccións. -¿Cómo se pode afrontar esta problemática de cara a un futuro e tendo en conta todas as limitacións que expón? -Aínda que os recursos do Concello son moi limitados, nós suscribimos unha póliza de seguros que cubre a nosa responsabilidade ata os 300.000 euros. Supón un desembolso importante, pero non podemos arriscarnos a que se repitan sucesos como o da fonte. Polo demáis, témonos que buscar a vida para buscar financiación noutros traballos que acometemos dentro dos límites munipais. -Por certo, ¿realizárase algunha obra máis na ubicación do accidente en Ventosela? -A fonte non existe desde que sucedeu esta desgracia, xa que consideramos oportuno non construíla de novo. De tódolos xeitos, sempre resulta unha mágoa que unha rapaza de 24 anos se vexa afectada por un incidente de mala fortuna. -¿É preocupante para un cargo público a xurisprudencia que pode causar este caso? -Claro que debemos estar pendentes dunha sentencia como esta, tendo en conta que o caso parte dunha irresponsabilidade das persoas que gobernaban nese intre, alguén que ocupa un posto semellante non pode caír nunca nunha neglixencia desta clase. Aínda así, falar destas cifras parece desorbitado para os que manexamos unha cantidade de diñeiro que non chega para case nada.