Máis de catrocentas persoas acudiron á representación de «Os Papalagui» no Castelo dos Sarmiento O primeiro día de verdadeira andaina da Mostra Internacional de Teatro non puido ser millor ós ollos do público e da organización. A representación da tarde para os nenos encheu a Praza Maior de Ribadavia, deixando para a noite no auditorio o primeiro éxito da MIT deste ano: A representación de «Os Papalagui» de Teatro do Aquí, despois de que a xornada inaugural da Mostra quedase reducida ós actos protocolarios polos problemas dunha chuvia que polo de agora parece que se esqueceu de Ribadavia.
20 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Os datos oficiais da organización da Mostra son elocuentes. Pola taquilla pasaron máis de catrocentas persoas, unhas para mercar unha entrada normal: 227 espectadores, outros para recoller as que teñen desconto: 91 persoas, sobre todo estudiantes, e aquelas que cada día entrega Caixanova: un cento. Os datos dan o resultado de 418 entradas postas en circulación, ás que hai que engadir os pases especiais do certame. En menor medida funcionou a recollida de votos para a elección da mellor obra ós ollos do público, aínda que a furna agardaba á porta do castelo. O ritmo de venda de entradas para as obras dos vindeiros días manténse, xa que os espectadores só queren facer cola á entrada da representación teatral.