Versos para un adeus

J. M. GARCÍA OURENSE

OURENSE

MIGUEL VILLAR

O Clube Alexandre Bóveda pechou a súa andaina onte cun recital masivo no Liceo, dentro da Feira do Libro Acabouse. Onte chegoulle a despedida ó Clube Alexandre Bóveda. Un colectivo cultural que desaparece da esfera ourensá despois do acto mantido no Liceo e dentro tamén da Feira do Libro. A lectura dos 93 poemas que sobre Ourense escritos ó longo dos séculos. Poemas recopilados por Marcos Valcárcel baixo o título «Ourense, craro río, verde val». O salón Noble estaba cheo para esta despedida. Homes e mulleres da prensa, dos libros, do ensino, da cultura, da política, dos sindicatos, da empresa e da Igrexa.

06 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O presidente do Clube, César Ansias, iniciou a velada dando as gracias a cantas persoas físicas ou xurídicas colaboraron co Alexandre Bóveda nestes once anos nos que houbo 350 actividades dende aquí organizadas. As súas verbas deron paso ó recital, que abriu o alcalde de Ourense, Manuel Cabezas, co poema Como eu en día de Pascoa quería ben comer, de Alfonso X, escrita no século XIII. A sucesión de participantes estivo ben nutrida. Sumouse, entre outros, o presidente da Deputación, José Luis Baltar, cuns versos de Vázquez Gil, Ourense é moito máis, amigo. Manuel Peña-Rey, Manuel Buciños, Dora Vázquez, Francisco Rodríguez, Ánxeles Cuña, Manuel de Dios, Paco Sarria, Carlos Quesada son nomes para unha lista intensa e representativa da vida social e cultural de Ourense. Pouco a pouco ía entrando máis xente no salón pola curiosidade de ler ou escoitar versos fermosos dos séculos alusivos á cidade das Burgas en moitos aspectos. Broche de ouro para once anos de artellar actividades entre as que quedan no calendario cultural de Ourense o Roteiro da Esmorga, os Encontros de Escritores Ourensáns ou as homenaxes a destacadas personalidades culturais cada mes de maio sen esquecer tampouco as bienais da caricatura, citas de referencia na cidade. Cun grande aplauso pechouse a porta do Clube que queda así formando parte dun anaco da historia máis recente de Auria. Un peche sobre o que dende a directiva se sinala que non debe ser traumático para niguén.