O nome desta localidade de O Barco fai alusión á súa situación entre unha amplia veiga e ó comenzo da zona montuosa Hoxe iremos ata o que foi un pequeno pobo do municipio de O Barco. Digo foi porque hoxe está plenamente integrado no que é o casco urbano desta vila. Refírome o pobo de Veigadecabo. O seu nome fai alusión directa a súa situación xeográfica: unha extensa veiga que ía dende Calabagueiros, A Proba e Veigamuiños ata A Cerámica. Antes de comenzar o lixeiro ascenso que nos levará a O Castro, Outarelo ou Vilanova, un pequeno pobo nesa zona intermedia, a cabalo entre o final da amplia veiga e o comenzo da zona montuosa. O nome é ben indicativo _Veigadecabo_ zona ou lugar onde remata a veiga e comenzan as costas.
16 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Veigadecabo dende finais do século XVI e ata principios do XIX pertencía á xurisdicción de Valdeorras e como tal estaba baixo o dominio do señorío dos Condes de Ribadavia. Mercede á axuda que esta nobre familia, a familia dos Sarmientos, tiñan prestado á realeza, ésta habíalles concedido en calidade de señorío gran cantidade de terras e, entre éstas, case tódala comarca de Valdeorras. Ben é verdade que non tódolos pobos desta comarca estaban baixo a súa influencia. Así temos Covas, que pertencía á xurisdicción do mosteiro de Santa María de Carracedo. En cambio Sobredo e Pardollán pertencían ó coto que rexía conxuntamente o señor da Casa Grande de Viloira e Montefurado e unha institución relixiosa de Astorga. Os núcleos de Casaio e Lardeira pertencían á merindade de Quintanilla da Cabreira, baixo dominio dos Marqueses de Villafranca. Seguindo esta relación, temos a Santa Cruz de Carballeda, que pertencía ó mosteiro de San Martín de Castañeda. San Vicente de Leira, Oulego e todo o chamado ou coñecido como «o marquesado» _pobos de Robledo da Lastra, Porto, Real, Veiga de Cascallá, Barrio, Castelo_ pertencían á merindade de Aguiar, baixo dominio dos señores Marqueses de Villafranca. Portomourisco era de realengo de igual maneira cos pobos dos concellos de A Veiga e O Bolo. E Larouco e Seadur pertencían á xurisdicción de Larouco baixo dominio directo da Encomenda de Quiroga, pertencente á orde dos hospitalarios de San Xoán de Xerusalén. O resto dos pobos da comarca estaban baixo órdenes dos Condes que tiñan a casa-fortaleza nas ribeiras do río Avia, na cultural e histórica vila de Ribadavia. Estes Condes, como non podían atender directamente tódalas terras que estaban baixo o seu dominio, nombraban uns representantes a quen se lles pagaban uns salarios. Tal era o caso do Alcade Maior, que neste momento de 1752 era Don Felipe Real Varaona, veciño de O Barco. Éste percibía anualmente 303 reais de salario, correspondéndolle ó pobo de Veigadecabo 6 reais vellón. Alcalde maior Este Alcade Maior era, tamén, o encargado da percepción dos efectos reais quedándolle como ganancia persoal o catro por cento do cobrado. Había tamén dous alcaldes ordinarios. Un deles era nomeado polos señores Condes. Iste cargo no 1752 o ocupaba Don Alonso Guerrero. En canto o outro alcalde maior, estaba elexido polos propios veciños da comarca. Na devantida data do século XVIII iste cargo o ocupaba Don José Valcarce. Os veciños de Veigadecabo pagaban sete reais vellón ano a cada un destes dous alcaldes maiores. Ademáis, en Veigadecabo había un rexidor. Esta era a persoa encargada do goberno económico da bisbarra, que visitaba ós distintos pobos e controlaba o bo uso dos xogos de pesas e medidas. Un cargo que neste ano ocupaba Don Tomás de Barrio, e a quen os veciños de Veigadecabo pagaban cuatro reais vellón por ano. Había tamén un procurador xeral síndico, cargo de marcada condición municipal. Algo así como «o defensor do pobo», e que era elexido directamente por éste. Un cargo que no devandito ano ocupaba Don Cayetano de Castro e a quen os veciños de Veigadecabo pagaban 4 reais por ano. Don Antonio Berjón, nacido en Vilariño, era o alguacil maior. Os veciños de Veigadecabo lle pagaban cada ano un total de catro reais.