Eclipses

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO CARTAS AL DIRECTOR

OPINIÓN

Siro

A min, a eclipse do pasado mércores decepcionoume un pouco. Esperaba que nos setenta segundos de ocultamento do sol a noite fose —dito poeticamente— pecha como a noite escura da alma de san Juan de la Cruz, e as sombras negras como a negra sombra de Rosalía; e non foi así. A min pareceume só un luscofusco algo renegrido. Claro que, sen sabelo, podo falar desde o resentimento porque de todas as persoas que coñezo a única que non viu a eclipse son eu. Non puiden. Estaba nun miradoiro recomendado polo Concello, e o sol lucía esplendoroso ante min e sorríame cada vez que o ollaba. E de súpeto unha nube grande e grosa, enorme, apareceu non sei como e papouno. Non o vin máis nin souben del ata que se fixo noite e todos os burlados botámonos a rir e puxémonos a aplaudir.

As eclipses espertaron sempre a fantasía dos poetas e algún romántico explicounos como encontros amorosos do Sol e da Lúa que, discretamente, se ocultan na escuridade. A Europa do Medievo deulles unha función tráxica: anunciar a morte de santos e figuras relevantes do cristianismo, como Carlomagno, que nos últimos anos de vida viu eclipses a esgalla. Tamén os evanxelistas Marcos, Mateo e Lucas din que ao expirar Xesús na cruz o ceo se escureceu en toda a Terra, pero non foi unha eclipse porque durou horas e cubriu o mundo.

A misión agoireira das eclipses está en todas as culturas e Homero conta que cando Ulises volveu de Troia a Ítaca nunha viaxe de dez anos e viu o seu fogar ocupado polos fachendosos pretendentes da muller, sentiu que o corazón lle ouveaba no peito clamando vinganza, e o sol desapareceu. De rapaz lin tantas veces a Odisea que sabía de memoria a descrición do mago Teoclímeno: «As sombras descenden ao tenebroso Érebo, e unha horrible escuridade cobre todo». Entón Ulises colleu o arco e as frechas e, coa axuda do fillo e de dous criados, non deixou un.

Recentemente, Miguel Murado tratou nun artigo das eclipses na literatura e dixo que a súa preferida é a de Mark Twain en Un yanki na corte do rei Arturo. Eu, polo que ten de humor satírico, prefiro a de Augusto Monterroso, que tamén cita: Frai Bartolomé Arrazola perdeuse na selva de Guatemala e foi preso por un grupo de indios dispostos a sacrificalo nun altar. Frai Bartolomé tivo unha idea propia do seu talento e da súa cultura universal: sabedor de que aquel día habería unha eclipse, advertiu aos indios ignorantes de que se o mataban o sol desaparecería e o ceo volveríase negro. Dúas horas despois, o corazón de frai Bartolomé chorreaba sangue no altar mentres un indíxena lía as datas das próximas eclipses previstas polos astrónomos da comunidade maia e que, coma esta, terían cadanseu sacrificio humano.

E xa que falo de humor paréceme de xustiza recordar que o divertido chiste, popularizado por Eugenio, sobre o coronel que manda formar a tropa no patio para presenciar unha eclipse e que ao pasar pola cadea de mandos remata dicindo que o coronel vai eclipsarse no patio, é do cómico Cassen, o inesquecible Plácido da película de Berlanga. Eu escoiteillo hai cincuenta anos. E remato coa mostra de humor absurdo que vin na mensaxe dun cartel na autovía: «Día 12. Eclipse. No conduzca con gafas del eclipse». Non é broma.