Milmillonarios

Pedro Puy
Pedro Puy DIARIO DUN CASE ESCÉPTICO

OPINIÓN

MABEL R. G.

22 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

«Los millonarios desempeñan en la vida americana una función de carácter eminentemente comunista (…) Dentro de poco todo el dinero de América estará en manos de seis o siete personas, y para la colectividad será exactamente igual tenerlo en poder de ellas que en poder del Estado». Tal era o pronóstico que Julio Camba facía no seu La ciudad automática (1932), crónicas da súa segunda viaxe aos Estados Unidos.

Un século despois, tanto na academia como na Unión Europea, preocupa a concentración da riqueza. Varios estudos solventes están dando conta da aceleración dun proceso que, acentuado tras a crise pandémica, coincide no tempo coa expansión das disruptivas novas tecnoloxías dixitais, e que poden resumirse en titulares como «o 1 % máis rico posúe o 43 % dos activos financeiros globais» (Intermon Oxfan) ou «o 0,001 % da poboación mundial, 56.000 mil millonarios, posúen o triple da riqueza que a metade máis pobre agregada» (World Inequality Report 2026). O Nobel Stiglitz redondeaba o martes pasado o dato no Simposio Fiscal da Unión Europea convocado en Bruxelas: da riqueza que se está xerando no mundo, o 40 % queda en mans dun 1 % da poboación mundial, mentras que o 50 % con menos renda só recibe o 1 % da nova riqueza creada.

Nun foro fiscal, naturalmente, fanse propostas tributarias para corrixir unha tendencia que ten fondas consecuencias éticas, económicas (a desigualdade non xera eficiencia), e políticas, xa que este fenómeno está detrás do auxe global dos populismos dun e doutro extremo. Para darlle unha resposta internacional, na OCDE estase a estudar a implantación de dúas figuras tributarias: un imposto mínimo global sobre a riqueza e un imposto mínimo global sobre as empresas dixitais. O recadado sería utilizado para recuperar o ascensor social (educación) e unha mellor redistribución global da renda. Pero non é sinxelo albiscar un acordo. Ás dificultades técnicas (estruturas fiscais nacionais diverxentes) e ás presións das grandes tecnolóxicas engádese unha vella dicotomía teórica. Europa, na liña da Escola de Friburgo (a ordoeconomía, nai da nosa constitucionalizada economía social de mercado), cre que os poderes públicos deben limitar sempre o poder dos monopolios e das grandes empresas. A actual Administración Trump (como Milei), e na liña da chamada Escola Austríaca (que inicia Mises e continúan libertarios coma Rothbard), considera que os únicos monopolios prexudiciais son os públicos (sexan do produto que sexa, mesmo a emisión de moeda), e considera beneficiosos, desde unha perspectiva dinámica, monopolios privados que xorden pola súa capacidade de innovar e atraer consumidores. Non fai falla concretar de que lado está cada un respecto aos novos impostos propostos.

Camba concluía que por moi tarugo que fose algún mil millonario, o sitio no que metese os cartos «se convertirá automáticamente en una formidable institución económica». «Será el Banco del Estado Rockefeller, o del Estado Morgan: el Banco de un Estado comunista donde nadie más que el propio Estado pueda enriquecerse». Entre o Estado Musk, ou Zuckerberg, e o Estado comunista chino, reconforta saber onde está Europa, e norteamericanos como Stiglitz.