«Hemigrantes»

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

Una mujer lee La Voz de Galicia en una tableta digital.
Una mujer lee La Voz de Galicia en una tableta digital.

25 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Emigrante é o que pasa do seu mundo a outro. Normalmente quixera manter a relación co orixinario, e os que deixou atrás queren saber del. O correo postal é vello, mais as cartas tardaban tanto en viaxar que, ao chegaren, por veces as noticias xa non valían. Grazas ás telecomunicacións foise facendo menos doloroso o distanciamento das persoas, desde que o telégrafo se estendeu por terra e cos cabos submarinos.

Despois viñeron o teléfono e a radiodifusión. Porén, a mudanza definitiva da condición de emigrante produciuse ben andado século XX coa transmisión da televisión por satélites xeoestacionarios (lembremos cando a TVG subiu ao Eutelsat). Con todo, sería xa nos comezos do século XXI que puido nacer o simpático termo «hemigrante», popularizado en Bruxelas polo escritor Xavier Queipo, funcionario da Comisión Europea. Daquela, o correo electrónico daba inmediatez ás epístolas, e a web permitía o acceso aos programas de radio e televisión, e aos xornais en formato dixital. Alí, como en calquera sitio conectado á internet, os expatriados xa eran «medio-emigrantes»: vivían ao día do que acontecese na terra das súas saudades (La Voz de Galicia enchía as pantallas dos ordenadores dos galegos hemigrados polo mundo). Hoxe, vinte anos despois, con móbil e WhatsApp, ¿quen emigra totalmente?