Pasan cousas boas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

PACO RODRIGUEZ

04 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Dan ganas de apagar a televisión, pechar os xornais, enxordecer ante a radio. Todo son desgrazas, traxedias, desastres, erros. Unha pingueira constante que cansa e fai mela. Na política exterior, todo mal. Na da casa… mellor nin falar. Na sanidade, problemas. Nos transportes, máis. Nas infraestruturas, buff. Nas finanzas, ai! A cesta da compra, a luz, a vivenda... Todo soa fatal. Non estamos vivindo unha época de brillos, pero non todo é escuridade. Tamén pasan cousas boas. Hai uns días, o equipo de Mariano Barbacid, bioquímico español, conseguiu eliminar as células de cancro de páncreas en ratos de laboratorio. Un avance enorme. Unha semente que debera encher titulares e sorrisos. Agora pide investimento para trasladar estes logros ás persoas. Nada máis lóxico. Nada máis urxente. Foi o primeiro en illar un oncoxén, o responsable da transformación dunha célula normal nunha célula maligna. É dicir, sinalou o inicio mesmo do cancro. Iso é historia científica, da que deberiamos falar máis. Tamén a intelixencia artificial está a revelarse aliada. Axuda a predicir enfermidades a partir de probas médicas, datos, patróns. Estanse facendo avances importantes, aínda que non sempre ocupen o espazo que merecen. Pregúntome por que non probar a abrir e pechar os telexornais, os diarios, calquera noticiario, cunha boa nova. Non digo que polo medio non nos esmigallen toda a miseria —haina e non se debe ocultar—, pero faríannos a vida máis soportable se nos deixasen crer, aínda que sexa un chisco, na esperanza. Tamén iso informa, tamén iso cura.