Mercosur, máis medo ca ameaza

Roberto García
Roberto García AO DÍA

OPINIÓN

Carlos Castro | EUROPAPRESS

16 ene 2026 . Actualizado a las 10:16 h.

En Unións Agrarias compartimos as preocupacións dos gandeiros galegos ante o acordo UE?Mercosur. Son lexítimas, acumuladas tras anos de presión sobre os prezos, aumento de custos e unha crecente incerteza. Por iso mesmo, Unións Agrarias vén de mobilizarse en Bruxelas, alí onde se toman as decisións que afectan ao futuro do sector. Pero antes de saír ás rúas e estradas hai que analizar a realidade con rigor lonxe de discursos que poidan acabar debilitando a súa posición. A nosa organización non está a participar activamente nas mobilizacións destes días en Galicia, pero si estivo mobilizada a finais de decembro na capital comunitaria, xunto cos compañeiros do resto da UE, alí onde se estaba concretando o contido do acordo. Desa protesta saíu un cambio clave: rebaixar ata o 5 % os límites para activar as cláusulas de salvagarda, algo especialmente relevante para Galicia e para o sector vacún. Isto significa que, se os prezos caen máis dun 5 % respecto da media dos últimos tres anos, ou se a entrada de carne aumenta máis dun 5 % con esa mesma referencia, a Comisión Europea pode suspender as preferencias arancelarias e intervir antes de que o dano se faga estrutural.

A partir de aquí, cómpre facerse algunhas preguntas con honestidade. É realmente unha ameaza existencial para o sector gandeiro galego que entren desde Mercosur o equivalente ao 1,5 % da carne de vacún, o 1,3 % da carne de aves e apenas o 0,1 % da carne de porcino que se produce en toda a UE, ademais cun arancel do 7,5 %? É unha ameaza para unha gandería que depende nun 95 % das importacións para alimentar polos e porcino, e en boa parte tamén o vacún, que exista un acordo que achegue seguridade de abastecemento e reduza a volatilidade dos prezos dos pensos nun contexto xeopolítico cada vez máis inestable? Pode o sector agrario europeo, maior exportador mundial de alimentos, con máis de 236.000 millóns de euros anuais en exportacións, enrocarse nunha estratexia illacionista e pretender seguir liderando o comercio mundial?

Nada disto significa dicir que Mercosur vaia ser inocuo. O impacto dependerá de como se aplique o acordo, do rigor na supervisión dos indicadores de mercado e da rapidez para actuar cando se detecten distorsións, antes de que os produtores sufran danos irreversibles. Por iso pedimos mecanismos de protección efectivos, así como controis rigorosos en fronteira e controis en orixe. Entendendo a preocupación de moitos agricultores e gandeiros mobilizados estes días, unha cousa é esixir garantías e outra moi distinta é trasladar mensaxes alarmistas que non se corresponden coa realidade dos controis existentes.

Ningún produto que non cumpra os estándares ambientais, sanitarios e fitosanitarios da UE pode entrar legalmente no mercado europeo. Os países de Mercosur poden producir para os seus mercados internos segundo as súas normas, pero todo produto destinado á exportación cara á UE debe cumprir estritamente a lexislación europea e someterse a controis verificables en orixe e en fronteira. Non vale todo, nin se pode faltar á verdade, porque iso só xera medo, desconfianza e prexuízos que acaban prexudicando o propio sector. O futuro non se constrúe con consignas simples, senón con regras claras, controis rigorosos e políticas europeas fortes.