Luciñas contra a wifi

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

Elvis González | EFE

28 dic 2025 . Actualizado a las 11:57 h.

A arboriña de Nadal —imposta polo mercantilismo ianqui— é recente; mais xa existía cando as luciñas nela eran incandescentes e non había rede wifi no lar. Hoxe pendúranselle diodos luminiscentes, que requiren transformadores de corrente alterna a continua para a súa alimentación, e na casa hai un rúter (enrutador-concentrador-transceptor). Por iso non funcionan ben os dispositivos conectados á rede local: eses transformadores xeran ruído electromagnético na banda de 2,4 GHz empregada pola maioría das redes de wifi. Crean unha «néboa de interferencia» que provoca perdas de datos, baixada de velocidade e aumento da latencia, especialmente negativos para xogos en liña, videochamadas e transmisión en streaming. E non esquezamos as boliñas metálicas da árbore transcultural: son naturais rebotadoras de ondas nesa banda de frecuencias

 ¿Que facer? Pois volvermos aos tempos en que Papá Noel era só cousa das películas... Se non, afastar a arboriña o máis que se poida das antenas do transceptor do rúter (que en inglés se pronuncia rauter). Ou cambiar o modelo deste aparello por outro que funcione na banda de frecuencia superior, a de 5 GHz; e, aínda mellor, que o faga con especificacións de Wi-Fi 6. Ora, nestes casos só se conectarían á rede da casa os dispositivos preparados para elas.