Luces e sombras

Víctor F. Freixanes
Víctor F. FREIXANES VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

En la fila de arriba, de izquierda a derecha: María José López Couso, Rosa Crujeiras Casais y Maite Flores Arias. Abajo, en el mismo orden: Alba Nogueira López y Mar Lorenzo Moledo, esta última finalmente no oficializó la candidatura
En la fila de arriba, de izquierda a derecha: María José López Couso, Rosa Crujeiras Casais y Maite Flores Arias. Abajo, en el mismo orden: Alba Nogueira López y Mar Lorenzo Moledo, esta última finalmente no oficializó la candidatura

Catro candidatas ao goberno da Universidade de Santiago de Compostela. Catro mulleres, que poderían ser cinco se Mar Lorenzo, catedrática de Historia da Educación, mantivese a súa proposta. Catro mulleres: María Xosé López Couso, Rosa Crujeiras Casais, Alba Nogueira López (aínda que a comisión electoral apartouna polo momento da carreira ao reitorado) e Maite Flores Arias, doutoras en distintas disciplinas, que amosan a diversidade de materias nas que a muller se veu formando e especializando ao longo das últimas décadas: filoloxía, física, matemáticas e ciencias políticas. En poucas semanas o corpo electoral da USC (28.327 persoas censadas) elixirá a quen dirixirá o goberno da institución máis significativa da formación docente e investigadora de Galicia, institución cinco veces centenaria (530 anos).

Por primeira vez na historia a Universidade de Santiago de Compostela estará presidida por unha muller.

Non é a primeira vez que falamos disto. A incorporación da muller á vida profesional, política, cultural, artística, empresarial, económica, social en todos os ámbitos, é unha realidade imparable, que podemos cualificar de histórica, logo de séculos, por non falar de milenios de sometemento ao patriarcado. Trátase de establecer o principio da igualdade de dereitos dos seres humanos, que ditamina que todas as persoas somos iguais e como iguais debemos ser tratadas (diante das leis e mesmo diante de Deus, para os crentes). Queda moito camiño por andar? Por suposto. E moitas eivas, atrancos, incoherencias e situacións inxustas que debemos superar e, chegado o caso, denunciar.

Estas son as luces: a presenza das catro candidatas que por primeira vez na historia concorren ao goberno da universidade. As sombras son o espectáculo triste, escandaloso e certamente degradante deses personaxes («señoros», no argot popular) que en abuso do poder, aproveitando a súa situación de privilexio, pretenden impoñer os seu capricho a mulleres: porque as consideran máis débiles, máis vulnerables ou, simplemente, máis accesibles e apetecibles. Non é só unha cuestión sexual. É abuso de poder, que curiosamente non se dá, ou polo menos non se manifesta tan abertamente, na dirección contraria: mulleres contra homes ou mulleres contra mulleres.

É o macho prepotente, psicoloxicamente instalado na superioridade, quen impón o seu criterio e o seu apetito, amparado en parte nunha tradición que en moitos casos se remonta ao principio dos tempos, pero que en absoluto é para nada xustificable.

Superar esta inxustiza esixe coherencia e compromiso, tamén por parte do xénero masculino. Todos estamos concernidos.

Nos últimos séculos, as conquistas en Occidente foron enormes, mesmo exportables a outras áreas culturais. Deberiamos sentir orgullo disto, e afirmalo con afouteza. E deberiamos sobre todo esixir exemplaridade a quen predica o que logo non cumpre.

Aceptando o principio da inocencia, por suposto, mais establecendo mecanismos eficaces para que estas situacións non pasen impunes. Nin se demoren no tempo ata esquecerse.