Recén chegado ao Congreso, parece ser que o xove Maura quedou deslumbrado pola brillantez retórica dun deputado da oposición. Cando se dispuña a aplaudirlle o discurso, o compañeiro veterano que se sentaba ao seu lado freouno, dicíndolle: «Aprenda usted, pollo, que en esta casa los amigos hablan siempre como los ángeles y los enemigos siempre ladran». Máis ou menos así o conta Carandell. Aplaudir é unha vella práctica humán. Bater as palmas é sinxelo, ruidoso, anónimo e efectivo cando o grupo reunido é amplo, e menos agresivo que bater cos pés no chan. Non é estrano que a primeira nova que temos do uso dos aplausos en política se remonte ao século VI antes de Cristo, cando Clístenes de Atenas, defensor dunha democracia directa baseada na igualdade dos cidadáns (isonomía) fronte ao Goberno aristocrático, recorrese ao aplauso como forma de mostrar apoio ou rexeitamento a propostas ou liderados nas asambleas atenienses, nunha escada que comeza no apupo, pasa polo silencio, os aplausos tépedos e remata na ovación pechada. Como todo bo invento, este método de calibrar apoios axiña se perverteu. Hai constancia de que xa dous séculos despois de Clístenes, nas representacións teatrais gregas os actores contrataban ovacións (claque) para gañar prestixio (e cartos). E xa na nosa era parece ser que Nerón fundou unha «escola de aplausos», suponse que para uso propio nas súas famosas exhibicións líricas.
Vinte séculos despois, desbotado o «aplausómetro» como método fiable para medir os graos de apoio ou entusiasmo, ao menos manda algún sinal sobre a temperatura política xeral. Porque ao igual que nos teatros, nos parlamentos séguese a aplaudir. Hai dúas semanas, sen ir máis lonxe, o presidente da República Federal de Alemania, de visita institucional a España, foi recibido no Congreso polos deputados e senadores reunidos en sesión conxunta de ambas Cámaras. A súa entrada foi recibido cunha ovación, da que se excluíu algunha das súas señorías máis próximas á extrema esquerda. Pronunciou un discurso fondamente europeísta, democrático, consensualista e crítico cos nacional-populismos. Foi despedido con outra ovación, pero tampouco unánime, esta vez polo silencio sentado das señorías de Vox que, por certo, adoitan poñerse en pé e aplaudir exclusivamente ao final de todas e cada unha das intervencións dos seus conmilitóns. Esta semana, tras finalizar un intenso pleno no Congreso, o último do ano, a súa presidenta despedíu a todos os presentes desexándolles un bo nadal, un formalismo social habitual nestas datas que foi recibido con palmas, pero só desde as bancadas da esquerda.
A tendencia máis recente dos estudosos do tema dos aplausos é considerar que as palmas non son tanto a manifestación dunha opinión sinceira sobre a calidade dunha representación ou dun discurso, senón unha forma de expresar sonoramente a adhesión incondicional ao grupo aplaudidor. Xa o sabía en 1881 o deputado Navarro Rodrigo, que ao explicarllo ao xove Maura legou a lección para todos os «pollos» que detrás viñesen: só se aplaude, e moito, aos amigos, que para eso falan coma os anxos.