Por primeira vez na historia da cultura occidental, que é o mesmo que dicir na historia do capitalismo, os nosos fillos e netos teñen a completa seguridade de que van vivir nun mundo peor, economicamente máis estreito, con menos dereitos e, sobre todo, con menos garantías de futuro. Se antes estudabamos as carreiras que os nosos pais non podían estudar (moitos somos exemplo de como a educación foi un ascensor que permitiu que fillos de familias moi humildes estudaramos e puidésemos optar a algo mellor ca eles), agora a mocidade ten claro que terá que asumir traballos precarios, varios quizais á vez, para chegar a fin de mes e así poder pagar, con sorte, ese mini cuarto nun piso compartido.
Normalizamos que un teña que facer varios traballos para chegar ao mínimo. Normalizamos que aos trinta e pico anos un non poida saír da casa de seus pais porque non se pode soster malia traballar. Normalizamos que, quizais, aos corenta, haxa que volver á casa dos pais e vivir dunhas pensións que, alegremente, se nos di que quizais os que estamos aí, ás portas da xubilación, non imos cobrar malia levar toda a vida pagando.
Aristóteles, hai 2.500 anos, escribiu que dispoñer de tempo libre é unha condición necesaria para ter unha existencia humana de verdade libre e digna. Soa marxista pero Aristóteles non o era. Todo o contrario. Mais no fondo dixo o que xa sospeitabamos: que traballar tanto fai que a vida sexa escrava e indigna. Aristóteles, que era grego, sabíao. Quizais por iso os sindicatos do seu país fixéronlle ao Goberno heleno unha folga xeral hai unhas semanas, logo de que o Executivo anunciase que querían legalizar a posibilidade de que a xornada laboral poida durar… 12 horas! Ou sexa, a metade do día. Máis o que leve ir e volver. Por suposto, os gobernantes dixeron que sería algo «voluntario» para os traballadores. Sabemos que nunca é así. Nin sequera no funcionariado, menos suxeito ao capricho dalgúns señores feudais que teñen empresas, poden alegremente dicir que non a certas cousas.
Non se pode levar unha vida digna e en liberdade, dixo Aristóteles, sen tempo libre. Sen momentos para o lecer, para non facer nada, para estomballarse nun campo e ver as estrelas, por exemplo, antes de que amenza.
Todo iso está negado por un sistema económico, o que montamos, que prioriza a produción sobre a vida e a economía sobre a felicidade. E se ao final revertise na xente do común, a que traballa a fartar, aínda tería un pase. Pero non. A xente, cada día, é máis precaria.
Aristóteles, hoxe, faría folga.