O investimento exterior de Galicia: unha economía aberta ao mundo

Xavier Martínez Cobas PROFESOR DE ECONOMÍA FINANCEIRA E CONTABILIDADE DA UNIVERSIDADE DE VIGO

OPINIÓN

MARCOS MÍGUEZ

01 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha variable económica importante, á que non se lle presta moita atención, é o investimento internacional. Estando a nosa economía aberta ao mundo, o investimento que realizamos no exterior e o que o exterior realiza aquí teñen importancia, e este último en particular cando se procuran políticas de reindustrialización.

Como é o investimento internacional realizado, dende Galicia e cara a Galicia?

A partir dos datos do Ministerio de Economía calculamos as porcentaxes de investimento realizadas polas empresas galegas. A media, respecto ao total realizado desde España no primeiro cuarto de século, foi do 3,28 %, e, durante os últimos dez anos, do 5,03 %. Postos en contexto, son valores moi altos. Supón o quinto lugar no total durante o primeiro cuarto de século, e o cuarto lugar nos últimos dez anos, tras Madrid (61,17 %, por efecto das sedes sociais das empresas), Cataluña e País Vasco.

A estatística anterior deixa as luces dunha economía rica, aberta ao mundo e diversificada, nos sectores de actividade e nos países de destino. É resultado do «universo Inditex-Pontegadea», mais tamén do conxunto da capacidade empresarial galega. Existe no tecido produtivo propio un gran número de pequenas e medianas empresas que compiten globalmente e entran nos mercados internacionais. Neste sentido é moi recomendable o libro de conversas Galicia, distrito Industrial (Galaxia, 2024), que nos presenta esta diversidade empresarial e que obriga a repensar en positivo como nos vemos a nós mesmos e ás nosas propias capacidades.

Se ollamos agora para o investimento internacional realizado en España, a imaxe non é a mesma do que no caso anterior. Galicia móvese en valores aproximados ao 1 % do total estatal (1,03 % de media en 25 anos, 0,93 % de media nos dez últimos anos). Ocupamos en ambos os dous casos a novena posición entre as comunidades autónomas en recepción de investimento internacional, cando somos a quinta en poboación e a sexta en PIB.

Esta limitación non é de agora, é unha limitación estrutural, durante todo o período.

Hai quen pensa que Galicia non é competitiva, e pon de exemplo o Norte de Portugal, con menores custes salariais. Agora ben, quen máis capta investimento en España son comunidades con custes moi superiores aos galegos (Madrid, Cataluña, País Vasco) e outras comunidades como Asturias (1,83 %) ou Murcia (1,05 %) captaron tamén máis, con menos poboación e Produto Interior Bruto que Galicia. Parece, pois, que hai marxe para a mellora, e que esa non é a causa.

E como se pode mellorar? A primeira condición é poñer en valor o propio: todos somos conscientes, por exemplo, do valor da enerxía eólica ou doutros recursos e capacidades naturais, humanas ou técnicas, para telos ao dispor de proxectos que optimicen o valor social, xeren riqueza e minimicen os riscos.

O segundo é un consenso social e de colaboración entre diferentes administracións. Para atraer investimento é preciso ofrecer subvencións directas elevadas, competindo con outros.

En terceiro lugar é preciso resolver outros factores de atracción, como o solo industrial, ou os tempos de autorizacións e instalación... Temos parques empresariais anunciados hai máis de vinte anos, como A Guarda-Rosal ou Tomiño, sen executar, a escasos minutos dos parques do Alto Minho.

Por último, é preciso contar coa complicidade do sector privado, para un conxunto de accións que facilitan o investimento dentro do marco legal, como integrar aos que veñen, facilitar crédito, participar estruturas fiscais sobre o I+D, ou mesmo participar nos proxectos en conxunto.

O camiño non é doado. Existe ás veces oportunismo entre os que aparecen con proxectos, e non todos son fiables ou valiosos, no noso caso para Galicia, pero é preciso xerar moitas oportunidades para quedar coas mellores.