Os lumes forestais non son unha lacra, nin unha maldición bíblica, nin un infortunio debido (só) á maldade dos pirómanos. Os lumes forestais son unha traxedia quizais non de todo evitables porque, en efecto, hai pirómanos, pero si que poden ser minimizados cunha xestión máis intelixente do monte… durante o outono e o inverno. Ler e escoitar o que din os profesionais, nomeadamente os brigadistas e os bombeiros, sobre os recortes, a ausencia de formación e as condicións penosas nas que os teñen, ten moito que ver coa lacra, a maldición bíblica e o infortunio que, verán tras verán, temos que sufrir.
Os políticos, de todas as Administracións, falan en termos de «fatalidade», infantilizando o discurso a nivel de parvos, coma se non se puidesen dar outras explicacións e, polo tanto, obrigándonos a asumir que, en fin, isto vai pasar sempre e que non hai que lle pedir responsabilidades a ninguén. Pois non. Non temos máis ca botar os ollos á nosa contorna (non a Portugal, dende logo, aínda que eles destinan máis recursos a este asunto ca España) para saber que noutros lugares as cousas se fan moito mellor e sempre dende a mesma clave: a prevención. Porque aquí semella que do único do que se trata é de apagar lumes. E non. Do que se trata é de que o monte non poida arder. Pero o camiño que escollemos non vai por aí.
España é o país da UE que máis medios de extinción ten, pero, con Portugal e Grecia, dos que menos aplican a lexislación referida á limpeza do monte. A lexislación existe, pero son poucos os alcaldes que queren ter cristos cos veciños. Por outra banda, temos centos e centos de hectáreas completamente abandonadas. Un cigarro é máis ca dabondo para que se inicie un incendio. A diferenza de países como Alemaña, ou xa non digamos os nórdicos, o investimento en prevención é practicamente nulo. No país xermano non hai monte que non teña uns bos cortalumes cada pouco, e pobre daquel que non teña cando menos 50 metros fóra da súa leira nun perfecto estado de limpeza. Súmenlle a iso que as brigadas antilumes, entre profesionais e voluntarios (formados, con bos medios, non coa mangueriña da leira) suman… un millón de persoas.
Os montes galegos, como comprobará calquera que ande por eles, están sumido nun estado de profundo desleixo. E cheos de combustible. E, xa que estamos, non hai unha verdadeira concienciación medioambiental aínda en España como nos países citados.
O verán que vén, a non ser que chova, volveremos vivir esta situación. Quizais non tan grave. Pero pode ser peor. Cando aconteza, volveremos presenciar a vileza política duns cuspindo a responsabilidade noutros. Falaremos de lacra, de maldición bíblica e de infortunio. Pero non do máis simple: que o verdadeiro traballo se fai nos meses de choiva. Pero, aí, os que nos gobernan, están a outras cousas.