Da India a Compostela

María López Sández
María López Sández FIRMA INVITADA

OPINIÓN

XOAN A. SOLER

06 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

37anos despois de comezar a súa andaina, transcorridas 35 edicións, os cursos Galego Sen Fronteiras, organizados pola Real Academia Galega en colaboración co Instituto da Lingua Galega, a USC e co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación da Coruña, arrincan de novo con toda a forza e a ilusión dos 60 estudantes chegados de máis de vinte países. É estimulante escoitar o galego con acento uzbeco, indio, chinés ou americano.

Este ano, nunha das conferencias deste curso intensivo —no que durante tres semanas se verán inmersos na lingua e na cultura galegas— Antón Santamarina falaralles de Dorothé Schubarth. Porque neste ano no que o Día das Letras Galegas se dedicou ás cantareiras, tomamos máis conciencia do valor do noso cancioneiro tradicional, ao que ela dedicou tanto tempo e esforzo. Mais tamén porque Dorothé representa unha inspiración e un símbolo do que significan todos aqueles que, desde lonxe, se achegan a nós con afán de coñecemento. Giuseppe Tavani é un dos grandes estudosos da nosa lírica medieval. A Asociación Internacional de Estudos Galegos foi fundada por Kathleen March. Ruth Matilda Anderson legounos o maior repertorio fotográfico dunha Galicia que aínda hoxe conservamos na retina… A nómina é inmensa. Moitos destes estudantes repiten e completan os tres niveis; outros quedan engaiolados e fan teses, traducións ou investigacións con Galicia na cerna.

Despois do tempo que fican con nós levan unha morea de lembranzas. Mais hoxe eu quería poñer o foco no que nos deixan: ás veces precisamos a ollada allea para decatarnos do propio valor.