Un amigo chamado ChatGPT

Francisco Castro
Francisco Castro ESCRITOR E MÚSICO

OPINIÓN

Dado Ruvic | REUTERS

06 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Leo que cada vez hai máis xente que pasa horas «falando» con ChatGPT. A aplicación de intelixencia artificial está tan ben feita que, recoñezámolo, ten o seu punto sedutor pasar un tempo de parola con el, ou con ela, ou con ele, que non está nada claro como hai que lle falar, que pronome usar, que se lle preguntas a que xénero pertence sae pola tanxente e non se molla. Na reportaxe dicíase que había equipos de psicólogos alertando de que o algoritmo estaba xa sustituíndoos á hora de tratar a tristura, a soidade, a depresión. A xente sincérase coa máquina. Seica é máis doado que diante dunha persoa real. E a máquina, programada para agradar, dá, ademais, respostas lóxicas e con bastante senso común. As que nos darían as amigas e os amigos tomando unhas cañas. A que nos daría o profesional da psicoloxía. Pero de balde.

O futuro profetizado por Black Mirror, e que coidabamos distante e algo fantasioso, está aquí.

Ata o de agora usábase o inventiño para aforrar tempo e traballo na redacción de cen mil cousas. Dende actas de xuntanzas a plans estratéxicos empresariais, contratos ou, como ben saben as e os profesores, traballos de calquera tema. Son moitos os docentes que xa non piden traballos porque moito alumnado recorre a ChatGPT para que llos faga. Porque podes pedirlle o que queiras. Incluso, por certo, artigos de opinión sobre calquera tema de actualidade. Ou poemas. Ou novelas completas. Se un vai á opción de pago, vídeos narrativos, por exemplo, para facer un booktrailer ou un videoclip musical.

Como acontece con todo novo elemento teconolóxico, tócanos reflexionar sobre a dirección que están tomando as cousas. Sobre todo, agora que a tecnoloxía está «humanizándose». Semellan ter emocións. Fálannos con amabilidade. Din que nos comprenden. Rematan sendo unha especie de amigos en plan Tamagotchi pero sen ter que darlles de comer.

É ben sabido que cada vez hai máis xente que padece iso que os expertos chaman «soidade non desexada». A xeración dos boomers, ou sexa, a miña, encamíñase sen remisión cara esa denominación repunante pero descritiva que é a terceira idade.

Vai haber moitos vellos e vellas e, polo tanto, vai haber moita xente soa. A diferenza dos velliños actuais, estaremos conectados a unha app así, probablemente con cara e expresións, que nos dará conversa, ánimos e, chegado o caso, quen sabe, ata algunha forma cibernética de amor.

Por certo: este artigo non está escrito con ChatGPT.