Andan as redes sociais incendiadas porque Esperanza Aguirre imitou a fala da ministra Montero. Vaise converter en asunto de Estado, ao tempo. Está moi ben reivindicar o acento, claro que si. España ten moita riqueza cultural, que se fai patente nunha diversidade xenérica. Acaso tiñan moito que ver os habitantes de Al-Andalus cos da Gallaecia? Pois, de tal pau, tal racha. Ou, como dicía meu avó: na cabeza ou nos pés, has de imitar a quen es. Daquela, por que se arma a lea cando nos referimos a idiomas cooficiais? Axiña se recorre ao termo «imposición lingüística», trate da lingua que se trate, a máis usada ou a menos, como se solicitar o uso de unha fose sinónimo de excluír a outra. En Galicia vivimos, hai moito tempo, unha esquilma no noso idioma. Restauralo é unha tarefa lenta e extraordinariamente complicada. Quero recuperar o galego? Si. Desexo borrar o castelán? Nin por asomo. É tan difícil entender isto? Non o creo. Pero do que estou convencida é de que xa nos convertemos nunha sociedade á que lle encanta crear discusións. Levamos anos asustados porque o catalán, na educación, está comendo terreo ao castelán. Nada se oe de que o castelán pouco espazo deixa ao galego, claro. A culpa do primeiro? Dos políticos. Por iso en Baleares deixaron que os pais decidisen cal querían que fose a lingua de primeiro ensino. O 80 % das familias elixiron o catalán. Sorpresa! Agora viremos co da imposición, a presión do nacionalismo, etcétera. Que envexa me dan as linguas que gozan de boa saúde, porque as enfermas, ou sexa, pouco faladas, son as que paradoxicamente andan na boca de todos.