Empecei a escribir de mozo e, co paso do tempo, este exercicio foise convertendo nun imperativo, como unha necesidade de compartir non tanto o que penso no momento como o que teño pensado, elaborado, froito de observar e analizar a realidade mesturándoa coas lecturas transversais. Reflexións críticas pero propositivas.
Deste xeito, levo case catro décadas colaborando con La Voz de Galicia, que me permite opinar con absoluta liberdade sobre patrimonio, cidades, arquitectura, territorio, cultura… Nunca se me suxeriu modificar un texto enviado nin me pediron ningún artigo que fose en contra do que teño pensado. Non me autocensurei nin me cancelaron.
Compartín lugares comúns con La Voz e o seu editor, compañeiros de viaxe na transición democrática, a mutación pacífica a unha sociedade libre mediante un acordo entre ruptura e reforma, unha Constitución que trouxo consigo as eleccións e unha democracia representativa, o rexeitamento radical dos crimes de ETA e a defensa dunha amnistía feita expresamente para aquel momento histórico crucial, que se converteu nun obxectivo máis da esquerda e pola que fomos retidos e maltratados despois dunha manifestación na Coruña. E, como non, a incorporación a Europa.
Algúns membros daquel colectivo que saímos do PSdeG tivemos a tribuna de La Voz de Galicia para preconizar a integración da socialdemocracia e o galeguismo.
Entusiastas do Estatuto, nin autodeterminación nin bases constitucionais, e polo tanto a favor das institucións autonómicas.
A experiencia compartida cunha gran maioría de cidadáns demostrou que as políticas levadas a cabo foron as acertadas para transformar Galicia en moitos aspectos, aínda que a nosa identidade xeográfica se seguiu deteriorando, a diferenza doutros territorios próximos.
Tamén houbo ocasión para manifestar a lóxica discrepancia, como aconteceu coa Lei de Sedes.
En tres lustros de alcaldía, cun equipo municipal novo que se propuxo conservar o patrimonio e renovar Compostela desde a racionalidade da planificación, practicando un compostelanismo moderno e cosmopolita da man das cidades europeas do Camiño de Santiago, do que naquela altura poucos se lembraban, La Voz estivo criticamente ao noso carón; especialmente na equivocada moción de censura de 1986 contra un Goberno en minoría.
Agora que lamentamos a perda de Santiago Rey Fernández-Latorre, quero recoñecer o seu papel en prol destes empeños democráticos compartidos, do que é expresión palpable un xornal que, baixo unha dirección profesional atinada, segue acollendo por igual colaboradores próximos e distantes.