O tempo é ouro cando falamos de nos mover dun lugar a outro, e máis para os de Ourense, que agora chegamos a Madrid nun ai, mesmo con demoras. Adeus ao avión e a esas sacudas virulentas do cambio climático que o outro día, entre Londres e Singapur, mesmo deixou un morto e fixo que os viaxeiros convocasen por uns intres a última película de José Antonio Bayona. Non son estas boas novas para os que gustan de se mover polo aire. Sempre din que as posibilidades de morrer nun destes aparatos que sucan os ceos son mínimas, se comparamos as porcentaxes cos accidentes de tráfico. Mais o feito de estares no aire impón máis ca se estás en terra. É o que ten a teoría da relatividade, tan asimilada polos de Ourense, en especial polos seus gobernantes, máis amigos dos taxis e os coches de alta gama, aos que agora se suman os trens supersónicos.
Lembro a primeira vez que a miña sogra veu visitarnos en avión dende Madrid. Morta de medo, fixo a viaxe encomendada a todos os santos, pero na volta foi moito máis tranquila porque lle dixemos que se o avión se estrelaba as familias dos mortos tiñan unha indemnización millonaria. E ela, tan xenerosa, viu nesa circunstancia un derradeiro xesto de amor cara a nós. O certo é que ela, como boa ourensá, prefería o taxi, igual ca Jácome, e sobre todo o tren porque lle facía esquecer as viaxes eternas en coche a Madrid que duraban sete ou oito horas, se non había ningunha avaría. Podo imaxinar o seu abraio se hoxe vise a posibilidade de facer ese mesmo traxecto a Ourense en pouco máis de dúas horas e media, coa paisaxe a se mover e borrar nuns intres as estremas das provincias, cunha velocidade mesmo máis endiañada que a do coche oficial do expresidente da Deputación ourensá.