«Tranquilízate, muller»
OPINIÓN
Pensa en todas as veces que che dixeron «tranquilízate, muller». Tranquilízate muller, dixéronche a berros. Tranquilízate muller, mentres te abusan e maltratan. Tranquilízate, muller, mentres te violentan e agriden. Tranquilízate, muller, que ti es a responsable de todo isto. Tranquilízate, muller, ou verás as consecuencias. Tranquilízate, muller, cando dis por terceira vez que paren. Tranquilízate, muller, que só era un xogo do que saes magoada. Tranquilízate, muller, só é un pinchazo no xeonllo. Tranquilízate, muller, podía ser moito peor. Tranquilízate, muller, que o de «puta» era unha broma. Tranquilízate, muller, que non é para tanto. Tranquilízate, muller, que es moi parva.
«Tranquilízate, muller» é a expresión máis clara de disciplinamento das mulleres. A que utilizan para indicarnos cal é o noso lugar e cales deben ser as nosas emocións. Pero é aínda máis, porque se asenta no tópico de que as mulleres somos histéricas, intensas e moi dramáticas. Por iso, temos que tranquilizarnos e necesitamos que nolo recorden.
Desde ben pequenas, con frialdade calma ou coa violencia máis dura, móstrannos cal é a nosa posición no espazo público e no privado e cales son as emocións adecuadas ao silencio e submisión que queren para nós, as mulleres. Conscientemente, hai xa anos que a maioría das mulleres decidimos que non imos tranquilizarnos, que non imos berrar machismos nunca máis, que imos defender os nosos dereitos diante de todos os machistas, negacionistas das desigualdades e violencias que sufrimos as mulleres. Hai tempo que a intranquilidade e ansiedade é cousa de homes que se senten aludidos e sinalados, porque perderon (ou están perdendo) preeminencia e prédica as súas declaracións e prácticas machistas, na casa e na vida pública, por moito traxe e/ou toga que vistan. Xa non calamos máis. Xa non nos tranquilizamos, rebelámonos e denunciamos.
«Tranquilízate muller», non é un micromachismo: é o machismo de sempre na vida cotiá. Por iso, non te tranquilices, muller. Rebélate e practica o feminismo, coma sempre. Que se tranquilicen os machistas e os señoros que os aplauden. O feminismo é un movemento pacífico e de liberación que persigue a igualdade. Tranquilícense.